Denuncian a "violencia" de Nava Castro coas traballadoras do SAF
A CIG denunciou esta cuarta feira a actitude “despótica e provocadora” da alcaldesa de Ponteareas (O Condado), Nava Castro, do PP, coas traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que levan 62 días en folga ante os "graves e continuos incumprimentos" da concesionaria, Óbolo. As traballadoras alertaron de que a rexedora "se dedica desde hai dúas semanas a acosar o persoal para intentar invisibilizar a súa loita". Uns feitos que se agravaron na mañá de onte cando, segundo expuxo o sindicato, a alcaldesa chegou a "empurrar e golpear" unha traballadora coa contra dunha fiestra co obxectivo de "forzala a abandonar" o feche principiado antonte na Casa do Concello polas propias traballadoras .
Desde a central sindical informaron de que a traballadora afectada presentou na tarde desta cuarta feira unha denuncia na Garda Civil debido ao golpe recibido, que lle provocaría un traumatismo no brazo. Castro intentou "sacar coas súas propias mans as súas pertenzas" e dirixiuse a elas "en ton altivo e ameazante", alertaron desde a CIG. O sindicato subliñou que a rexedora "non dubidou en mentir cando lle pediron que dese explicacións sobre as xestións que está a facer o Goberno local de cara á resolución do contrato con Óbolo".
O BNG tamén denunciou onte que a alcaldesa de Ponteareas "intensificou" o conflito do SAF con "novas provocacións ás traballadoras" e prácticas que a formación cualificou como "violencia institucional".
A Fiscalía arquiva o caso
Coincidindo coa xornada de fechamento das traballadoras do servizo de coidados, a Fiscalía acordou onte arquivar as dilixencias de investigación penal sobre as supostas irregularidades na xestión do SAF de Ponteareas ao non apreciar un suposto delito, após a denuncia interposta pola CIG contra o Goberno local e a empresa concesionaria.
A Fiscalía informou de que a documentación remitida pon de manifesto que por parte do Concello "desenvolveuse unha actividade de vixilancia do acordo cumprimento do contrato subscrito, cos distintos requirimentos de documentación á empresa adxudicataria e de emendade posíbeis incumprimentos dos pregos técnicos, administrativos e normativa reguladora". Desde o Goberno local destacaron que "non existiu conduta omisiva nin indicio ningún de prevaricación" e afearon as "acusacións falsas" da CIG.