Denuncia contra o Sergas por "expor" traballadoras embarazadas, lactantes e con patoloxías crónicas

O Sindicato dos Profesionais da Sanidade Pública Galega (Prosagap) presentou unha denuncia ante a Inspección de Traballo contra o Servizo de Galego de Saúde (Sergas) por "expor" ao coronavirus a traballadoras embarazadas, lactantes e con patoloxías crónicas.

O colectivo reclama ao Sergas que adopte as medidas recollidas no procedemento de actuación para os servizos de prevención de riscos laborais aprobado polo Ministerio de Sanidade o 11 de marzo e que, segundo denuncian, non se está aplicando nos casos de traballadoras da sanidade embarazadas, en período de lactación ou con trastornos inmunitarios sensibles ao COVID-19.

"Somos conscientes da excepcionalidade da situación e os traballadores da sanidade estamos a pór todo o noso esforzo para combatelo, pero non podemos asumir riscos engadidos aos que xa estamos a asumir", manifestou o sindicato nun comunicado remitido aos medios .

Así as cousas, na súa denuncia ante inspección laboral, o colectivo solicita que as profesionais do Sergas embarazadas, en período de lactación ou con enfermidades crónicas deixen de traballar e pasen a gardar illamento nos seus fogares, entendéndose isto como unha incapacidade temporal asimilada a accidente de traballo