O Sergas contrata persoal xubilado "habendo persoas en lista"

Imaxe de arquivo dunha enfermeira no seu posto de traballo (Foto: Enfermeiras eventuais en loita).
O sindicato de enfermaría Satse afirma que en Vigo se contratou persoal xubilado a pesar de haber "até 20 profesionais" agardando nas listas pola chamada do Sergas.

O sindicato de enfermaría Satse denunciou esta quinta feira publicamente a "nefasta xestión" do Servizo Galego de Saúde (Sergas) no que atinxe á contratación de enfermeiros e enfermeiras na área de Vigo.

Segundo as súas cifras, existen profesionais xubilados que están a traballar porque "supostamente" non hai persoal en lista, a pesar de que até 20 persoas agardan pola chamada do Sergas para incorporarse nesas listaxes.

"O máis salientábel desta falta de xestión é que eses profesionais que están nas súas casas son totalmente necesarios nestes momentos, tanto en Atención Primaria, como en hospitalaria", lamentou Satse.

Para o sindicato, isto supón un "total despropósito" por parte do Sergas, que debería ter unha previsión de traballo "máis organizada". Neste senso, explicou que o Sergas sempre mostrou a súa preocupación pola falta de profesionais da enfermaría.

"Con todo, agora que tiña a oportunidade de mellorar a situación de sobrecarga coa reincorporación voluntaria de xubilados, deixa ás enfermeiras de listas nas súas casas para seguir con déficit de persoal", lamentou.

Así, a secretaria de Satse na Galiza, Malules Carbajo, lembrou que a principios de ano se recorreu a xubilados voluntarios para a vacinación masiva e o Covid auto, "mais coa condición de que non houbese enfermeiras nas listas de contratación".

Porén, isto segue ocorrendo na área sanitaria de Vigo, onde hai 20 profesionais á espera de ser chamados. Para o sindicato de enfermaría, esta situación é "intolerábel" e supón unha "falta de respecto" cara ás enfermeiras que o deron todo "e agora déixanas tiradas", a pesar de ser "imprescindíbeis". Por todo iso, esixe a contratación "inmediata" de todos os profesionais que están desocupados.