Novo colapso nas urxencias do CHUS: "Chegaron a acumular 22 pacientes graves"

Urxencias do CHUS, en Compostela. (Foto: Nós Diario)
"Gustaríame saber quen é o responsábel de pór eses pacientes no corredor de observación", manifestou Fátima Nercellas, médica de urxencias.

A delegada sindical de O'mega e médica de urxencias, Fátima Nercellas denunciou que na tarde desta segunda feira os corredores de entrada do servizo de urxencias do Hospital Clínico de Santiago (CHUS) acumularon "22 pacientes graves" e algún foi derivado a observación, "deteriorado a súa saúde e en contra da normativa laboral".

Ademais, advertiu de que 33 pacientes de ingreso ocuparon a sala de Observación de Urxencias, no que chamou un "novo exercicio de irresponsabilidade" por parte do equipo directivo do hospital.

Xa fora proposta para sanción

Nercellas, que no seu día foi proposta para sanción por parte da inspección sanitaria (por sacar dous pacientes dos corredores para atendelos noutro espazo), enviou segundo ela mesma indicou aos medios, senllos correos á xerencia do CHUS e á Consellaría de Sanidade para informar da situación que denunciou.

"Gustaríame saber quen é o responsábel de pór eses pacientes no corredor de observación", manifestou.

"Deterioración extrema"

"Hai anos que non vivimos esa situación de deterioración extrema", advertiu a médica, quen engadiu que esta situación "non pasaba desde hai dez anos".

"Están a colocar aos pacientes graves xa non só no corredor de entrada, senón tamén en observación", indicou.