Denuncian imaxes gravadas sobre un dolmen nun vídeo promocional do Xurés: "Vender Galiza a calquera prezo, non!"
Nova polémica arredor da conservación dos monumentos megalíticos galegos. A Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego (Apatrigal) vén de denunciar publicamente a aparición do creador de contidos Javier Otero (anubis.dimitri) nun vídeo promocional do Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés no que se lle ve subido a un dolmen xunto cun corvo e un can lobo.
Neste caso trátase da Casola do Foxo, un monumento funerario situado ás beiras do encoro das Maus de Salas, restaurada e posta en valor no ano 2015 da man dos arqueólogos Jorge Lamas, Manuel Lestón, Manuel Valdeiras e a restauradora Victoria folgueira.
Para Apatrigal, as imaxes reproducen un comportamento contrario á protección patrimonial, ao empregar un monumento megalítico como escenario visual e soporte físico, algo que está desaconsellado polos criterios de conservación destes bens milenarios. "Vender Galiza a calquera prezo, non!", denuncia a asociación.
A entidade lembra que os dolmens "non son decorados nin plataformas para sesións fotográficas", senón "monumentos funerarios con miles de anos de antigüidade, extremadamente fráxiles", que chegaron até a actualidade grazas ao "respecto de xeracións enteiras". Desde Apatrigal subliñan que camiñar ou subir ás lousas do monumento, ou utilizalo como "fondo publicitario", supón "unha falta de respecto" ao patrimonio común e "contribúe directamente ao seu deterioro".
Este episodio lembra o recente caso protagonizado pola SD Tordoia, cando se difundiu unha imaxe de varias persoas vestindo camisetas do club sobre o dolmen de Cabaleiros, tamén duramente criticada pola asociación.