Denuncian a falta de asistencia médica no Courel esta fin de semana

Protesta diante do centro médico de Folgoso do Courel en maio en 2024. (Foto: Courel Vivo)

Courel Vivo alerta que desde o sábado ás 13.30 horas o concello de Folgoso non conta con médico malia ser unha fin de semana longa e “cun gran aumento da poboación”.

“Un verán máis repítese a falta de médicos no Courel”, aseguran desde Courel Vivo. Nesta ocasión coincidiu coa ponte do Día da Patria este mes de xullo, unha datas que, aseguran, “aumenta a poboación como consecuencia das vacacións de moita xente e a chegada de veciños e veciñas que viven na emigración”.

O seu portavoz, Óscar Carrete, sinala a Nós Diario que a asistencia médica só estivo presente en Folgoso do Courel o sábado de 8 a 13.30 horas.  “A partir desa hora haberá un só equipo médico no limítrofe concello de Quiroga, que deberá atender as urxencias dos dous concellos e a maiores tamén do concello veciño de Ribas de Sil”, agrega.

Carrete denuncia unha situación que coloca a poboación do Courel “sen gardas e co hospital máis próximo en Monforte que queda a unha hora de camiño”. Para esta formación esta circunstancia “non é algo puntual, é dicir, é algo sistemático por parte da Xunta que cando chega a época estival ou cando os médicos collen vacacións non hai substitucións”.

Persoal dispoñíbel

Courel Vivo considera que a razón de non cubrir estas prazas no verán non é unha consecuencia de non contar con persoal dispoñíbel. “Consultamos normalmente ás persoas que fan as gardas e non os avisaron polo que a Xunta nos vende que non hai persoal cando nin se molestan en buscar”, afirma Carrete.

Para Courel Vivo “non é o mesmo un municipio como Teo con respecto ao hospital de Santiago que nós que temos moito máis traxecto para chegar a Monforte”. Por este motivo urxen a Xunta que solucione esta situación para que non se repita máis veces.