Denuncian o Concello de Touro e a Xunta por prevaricación en relación ás emanacións tóxicas da antiga mina

Restos de lodos no terreo da antiga mina (Imaxe: Ecoloxistas en Acción)

Ecoloxistas en Acción presenta no xulgado unha denuncia contra as Administracións local e galega por posíbel comisión dos delitos de prevaricación continuada, delitos contra os recursos naturais e o medio ambiente e delitos contra a Saúde pública por consentir as emanacións tóxicas da empresa Tratamiento Ecológicos del Noroeste pese ás múltiples denuncias da veciñanza da zona.

Ecoloxistas en Acción vén de pedir no Xulgado que se abra o “oportuno procedemento penal” contra María Sagrario Pérez Castellanos, en calidade de directora xeral de Calidade Ambiental, Sustentabilidade e Cambio Climático; contra Ángeles Vázquez, en calidade de conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda; contra Ignacio Codesido Barreiro en calidade de alcalde do concello de Touro; contra Alfredo Souto Castelo en calidade de alcalde en funcións durante os feitos descritos e contra José Antonio Gómez Pedreira en calidade de secretario-interventor do concello de Touro.

O grupo ecoloxista advirte dunha posíbel comisión dos delitos de prevaricación continuada, delitos contra os recursos naturais e o medio ambiente e delitos contra a saúde pública das citadas persoas "por consentir as emanacións tóxicas da empresa Tratamiento Ecológicos del Noroeste", relacionadas coa mina de Touro.

Tratamento de residuos

A empresa, sinalan os ecoloxistas, desenvolve desde 2004 unha actividade de tratamento de residuos no Lugar da Mina no concello de Touro. En 2015, realizou obras “sen que conste ningunha licenza municipal rexistrada no concello nesas datas e a nome desta empresa”. “Igualmente non se ten constancia no concello de licenzas concedidas anteriores á autorización ambiental integrada (AAI) de 2016”, advirten.

A estrutura fundamental, informan, son dúas naves executadas en períodos distintos e instaladas en solo rústico de protección de infraestruturas, “non encaixando así a actividade da empresa en ningún dos usos que recolle o PXOM de Touro ou a Lei do Solo vixente nese momento como permitidos ou autorizados neste tipo de solo”.

Irregularidades da autorización ambiental integrada

En 2020, salienta o colectivo, “o Concello de Touro emite un informe en relación á revisión de Autorización Ambiental Integrada da empresa, onde se poñen de manifesto as irregularidades e incumprimento da AAI outorgada en 2015. Neste informe póñense en dúbida as garantías que a empresa ofrece sobre as autorizacións dos residuos que se procesan; dúbidas sobre o debido control dos residuos que entran en proceso; sobre a capacidade de entrada de material nas cantidades autorizadas; sobre os controis e cumprimento da AAI; sobre o tratamento conxunto de diversos residuos de distinta procedencia e materia, co grave incumprimento do control de olores, manifestándose a constancia dos mesmos e a influencia na vida diaria dos veciños, na súa calidade de vida”.

Ademais, pon de manifesto que en maio de 2021, en sede parlamentar, “lévase o tema das actuacións da empresa e as queixas dos olores e as dúbidas sobre o tratamento dos residuos e o incumprimento da AAI”.

As Administracións, coñecedoras das denuncias

“Na sesión parlamentaria o representante da Consellaría de Medio Rural confirma as denuncias existentes durante anos, as queixas veciñais e sustenta e xustifica a actuación da empresa baseada única é exclusivamente en informes que a empresa emite”. “O Concello de Touro e a Xunta da Galiza recoñecen o problema e realizan instrucións, pero dan por válidos os informes que a posteriori presenta a empresa sen atender á realidade e ao incumprimento da AAI a pesar de que, desde hai anos, se rexistran denuncias diarias”.

A organización ecoloxista galega sinala que veciñas e veciños dos concellos de Touro e do Pino levan máis de 20 anos denunciando as continuas irregularidades destas empresas, polos fortísimos olores derivados do almacenamento e depósito de lodos, polo desbordamento das balsas da antiga mina e por verteduras aos ríos das que Concello e Xunta teñen constancia.