Denuncian comentarios machistas nun programa da TVG

Os presentadores do programa 'Quen anda aí?' Rodrigo Vázquez e Roberto Vilar [Imaxe: CRTVG].
Dez horas despois da comisión parlamentaria de control á CRTVG polo caso Land Rober, a televisión galega sae á palestra por representar un novo episodio de violencia machista. 

“Non pasaron nin dez horas desde que tratamos na comisión parlamentaria de control á CRTVG o caso Land Rober cando chega a nós un novo lamentábel e inaceptábel episodio sobre o tratamento da violencia de xénero e en xeral da igualdade e a muller na programación da TVG”, denunciou Noa Díaz, deputada polo PSdeG no Parlamento galego, na súa conta de Twitter, en referencia a un novo episodio de violencia machista no programa Quen anda aí? da CRTVG, presentado por Rodrigo Vázquez e Roberto Vilar

Díaz alude á sesión parlamentaria decorrida nesta sexta feira e na que Alfonso Sánchez Izquierdo, director da CRTVG, xustificou o episodio machista acontecido o 8 de abril no Land Rober e lamentou que o programa fose “deostado” froito “dun erro”. Ademais, cargou contra “responsábeis sindicais” por reclamar a cancelación do citado espazo televisivo, un dos máis exitosos da TVG. 

Non obstante, a violencia contra as mulleres semella gañar terreo na televisión pública galega e, desta volta, sae á palestra o programa Quen anda aí?, no seu episodio número 280 do pasado 28 de abril, dispoñíbel na súa páxina web. 

Episodio machista en 'Quen anda aí?'

Na emisión do programa, que se define por presentar "tres horas de directo, de conversas coa audiencia e de resposta ás cuestións que máis lles preocupan aos espectadores", segundo informa a CRTVG na súa grella, tivo lugar un faladoiro no que contaban coa participación de copresentadores, convidados e colaboradores do programa, como é habitual.

No encontro, ao vivo e no minuto 43, arranca un debate sobre a serie documental protagonizada por Rocío Carrasco, na que narra os supostos episodios de violencia de xénero que sufriu. 

Durante o faladoiro poden escoitarse, tal e como denuncia Díaz no seu chío, expresións "inadmisíbeis" para unha canle pública, onde un colaborador chega a afirmar que “non teñen onde caer mortas”, en referencia ás mulleres vítimas de violencia machista. Así, proseguen a conversa cuestionando e culpabilizando a suposta vítima de violencia de xénero: “Esta rapaza era moi mimada, e colleu a ese ‘torero chulito’ que debía ser unha máquina facendo o amor e este tipo de cousas, e namorouse. Ela non era moi espabilada/agraciada e fixo un remendo con el e tiveron un fillo e a historia acaba aquí”. "Agora mesmo si que vai vir a Fiscalía aquí”, espetaron, entre risas, ao final do encontro. 

"Acabamos de rexistrar unha iniciativa na que preguntamos polo acontecido no programa número 280 do Quen anda aí? da TVG do 28 de abril", adiantou no fío Díaz. 

Até o momento, a CRTVG non fixo ningunha declaración sobre este novo caso de violencia machista na canle pública.