Denuncian unha agresión LGBTIfóbica en Compostela

Imaxe de arquivo da rúa de San Pedro

O BNG da capital galega reclama que se poñan en marcha os protocolos de axuda e investigación 

A concelleira do BNG de Santiago Navia Rivas, “diante da agresión LGTBIfóbica acontecida a pasada sexta feira na rúa de San Pedro”, reclama que se poñan en marcha os protocolos de axuda e de investigación para atopar os que provocaron esta intimidación con uso de violencia física e verbal.

Os nacionalistas sinalan que “segundo a alerta dos colectivos LGBTI de Santiago de Compostela, na madrugada da sexta feira produciuse unha agresión con intimidación a unha muller transexual, con uso de violencia física e verbal, á altura do cruceiro da rúa de Pedro. Diversas persoas que presenciaron os feitos impediron que a agresión fose a máis e acompañaron as dúas mulleres á súa casa”.

"Na madrugada da sexta feira produciuse unha agresión con intimidación a unha muller transexual, con uso de violencia física e verbal"

“Deste xeito, desde o BNG reclamamos que o Concello de Santiago poña en marcha o Centro de Asesoramento LGBTI que foi aprobado no Pleno de maio de 2020 para prestar servizo de axudar a tramitar axudas sociais, orientación laboral e a creación dun observatorio contra as violencias lgbtifóbicas, tendo en conta as dificultades que padece este colectivo”, afirmou Navia Rivas.

Entre as funcións deste centro prevíase a creación dun Observatorio municipal contra as violencias lgtbifóbicas, en coordinación con asociacións e policía local, xunto cun instrumento para denunciar e contabilizar casos de agresións.

“Urxe unha resposta social e institucional a este tipo de agresións para conseguirmos que Santiago de Compostela sexa unha cidade aberta, plural e respectuosa coa condición de xénero, o feminismo e a igualdade”, destacou.