Denuncian unha agresión "homofóbica" e "gordofóbica" en Santiago de Compostela

Santiago de Compostela. (Foto: Nós Diario)

A pasada sexta feira, un integrante da asociación polos dereitos LGTBI Avante sufriu unha presunta agresión “homofóbica e gordofóbica” en Santiago de Compostela. Así o denuncia en Nós Diario, que recolle o seu testemuño.

“Maricón de merda”, “puto gordo”, “foca”. Estes foron algún dos insultos que D. R. presuntamente sufriu a pasada sexta feira en Santiago de Compostela. En concreto, a agresión verbal tería ocorrido contra as 20.30 horas na rúa do Preguntoiro, no casco histórico da cidade, cando a vítima se atopaba con outra rapaza.

Tal e como explica D. R. a Nós Diario, coincidira co presunto agresor minutos antes, nunha tenda desa zona. “Atopamos un home que estaba gritándolle á dependenta. A miña compañeira e mais eu fomos preguntar se estaba todo ben, ao que a traballadora nos recoñeceu que era algo habitual nesa persoa”, relata o afectado.

Despois de que o home marchase da tenda e a vítima da agresión e a súa compañeira atendesen a dependenta, estes dirixíronse cara á rúa do Preguntoiro, onde volveron atopar o atacante. “Ía camiñando e toqueille sen querer; ía pedirlle perdón cando me decatei que era el, e aí foi cando comezaron os insultos gordofóbicos e homofóbicos”, narra D. R.

“Ameazoume con partirme a cara e díxome que me achegara a el se me atrevía, que quería rebentarme”, prosegue, “mentres nos seguía pola rúa e me chamaba de todo”. A vítima, que forma parte da asociación a prol do colectivo LGTBI Avante, explica que denunciou a situación nas súas redes sociais e a través de Nós Diario porque quere que se saiba que “segue habendo agresións deste tipo” e concienciar sobre esta situación. “Non é a primeira vez que me pasa isto, e cada vez imos a peor”, sentenza.

Outros episodios de intolerancia

Compostela foi este pasado verán protagonista de varios actos vandálicos contra a comunidade LGTBI, despois de que dous paneis indicativos de entrada na cidade, decorados coa bandeira do arco da vella, fosen pintados coa do Estado español. Uns actos que espertaron a preocupación tanto de colectivos como de formacións políticas.

Porén, non só a capital da Galiza sofre unha repunta dos ataques lgtbifóbicos. O pasado ano, un grupo de rapaces propinou unha malleira mortal na Coruña a outro mozo, Samuel Luiz, ao berro de “maricón de merda”. Este mesmo ano, outro mozo púxose en contacto con Nós Diario para denunciar unha agresión da Policía Nacional española por querer entrar con medias nunha discoteca da cidade herculina.

En Vigo, o pasado mes de abril un grupo de persoas agrediu gravemente dous rapaces na praza de Portugal, en Vigo, após bicarse, mandándoos ao hospital. Despois de entrar en urxencias, os facultativos constataron que un dos agredidos tiña unha fractura do tabique nasal, un desgarro nunha orella e varios hematomas na faciana e no corpo. O outro rapaz presentaba unha moa rota e un traumatismo nun cóbado.

Ourense é outra das cidades galegas na que nos últimos meses se produciron ataques deste estilo. Tamén en abril deste ano, o grupo valenciano de  hardcore punk Amor denunciou nas súas redes sociais a agresión homófoba sufrida por un dos seus integrantes, ao que, aseguraron, deixaron inconsciente após romperlle o nariz.