Denunciados dous taxistas en Santiago por conducir baixo os efectos do alcol mentres levaban pasaxeiros

Taxímetro. (Foto: Europa Press)
As denuncias cursadas por esta infracción, considerada moi grave segundo a Lei de Seguridade viaria, implican unha sanción de 1.000 euros de multa e a perda de 6 puntos no carné de conducir para cada un dos profesionais.

A Garda Civil, a través do Subsector de Tráfico da Coruña, denunciou dous taxistas da comarca de Compostela por conducir baixo os efectos do alcol.

Segundo informa a Garda Civil nun comunicado, as denuncias interpuxéronse durante controis de tráfico realizados a pasada fin de semana, nos que se comprobou que ambos os condutores, que se atopaban en servizo e transportando pasaxeiros, superaban as taxas máximas de alcoholemia permitidas para profesionais.

Os axentes de Tráfico de Santiago realizaron as probas de alcoholemia no marco de controis preventivos nas estradas da provincia. No caso dos dous taxistas denunciados, as taxas de alcol detectadas duplicaban e triplicaban o límite legal para condutores profesionais, o cal está estabelecido en 0,15 mg/litro.

A actuación da Garda Civil contou, nun dos casos, coa colaboración cidadá. E é que un aviso alertando sobre a posíbel condución baixo os efectos do alcol por parte dun taxista permitiu os axentes interceptar o vehículo.

Debido á infracción, os vehículos foron inmobilizados. Os pasaxeiros que transportaban tiveron que ser recolocados noutros taxis para poder continuar o seu traxecto.

As denuncias cursadas por esta infracción, considerada moi grave segundo a Lei de Seguridade viaria, implican unha sanción de 1.000 euros de multa e a perda de 6 puntos no carné de conducir para cada un dos profesionais.