Denunciados 4 mozos por infrinxir o decreto do estado de alarma e reunirse nunha rúa de Vigo a "pasar o tempo"

A Policía Local de Vigo identificou e propuxo para sanción catro mozos que foron localizados na madrugada desta segunda feira sentados no acceso a unha zona peonil dun aparcadoiro na rúa Pizarro, infrinxindo así o Real Decreto sobre o estado de alarma, que restrinxe a presenza na vía pública salvo por casos xustificados.

Segundo informaron fontes policiais, unha dotación do 092 localizou aos mozos sobre as 1,25 horas da madrugada, cando estaban "en actitude de diversión, escoitando música" e sentados no acceso á zona peonil do parking dun centro comercial na rúa Pizarro.

Os axentes interrogaron os mozos, e preguntáronlles se eran coñecedores da limitación á liberdade de circulación con motivo do estado de alarma pola crise sanitaria, e eles responderon afirmativamente, aínda que argumentaron que estaban "a pasar o tempo".

Ante esta situación, os axentes identificáronos e, no caso de dous deles, que son menores de idade, informouse aos seus proxenitores para que se fixesen cargo. Todos foron propostos para sanción por infracción do Real Decreto 463/2020 do 14 de marzo, sobre o estado de alarma motivado polo Covid-19.