Demandan que o centro de saúde de Conxo, en Compostela, conte como prioridade da Xunta

Proxecto do Centro de Saúde de Conxo, Compostela
En Compostela a Xunta aprobou a licitación do Centro de Saúde de Galeras mais esquece a promesa electoral do de Conxo.

O barrio de Conxo vai ter que agardar polo Centro de Saúde. O espectacular crecemento deste barrio compostelán non foi quen de convencer polo de agora, para que sexa unha prioridade nas políticas sanitarias da Xunta. Para a oposición municipal, Compostela presenta graves deficiencias neste ámbito. Os centros que existen na actualidade, Vite, Fontiñas, Conxo e Concepción Arenal, resultan insuficientes para atender ás 130.000 persoas asignadas á cotas médicas.

Para a oposición municipal, Compostela presenta graves deficiencias en Sanidade.


O portavoz do BNG, Rubén Cela, apunta a que Conxo está especialmente prexudicado polas políticas sanitarias do PP que van provocar, en xullo e en agosto, o peche das 259 camas hospitalarias en Compostela, das que 171 se corresponden co hospital xeral de Conxo, ademais de 11 quirófanos que fan que, na práctica, permaneza sen prestación de servizo.

O PSdeG de Compostela, pola súa parte, pensa que o goberno do PP no Concello debe esixir ao seu goberno amigo que se executen xa estas infraestruturas, xa que o goberno municipal ten competencias para facelo. Francisco Reyes denunciou que os representantes municipais "están presentes no Consello de Saúde pero non están a defender os intereses de Santiago" senón "a cumprir a vontade do PP galego".