Demandan a caducidade dunha mina na Gudiña que afecta o Parque Natural de Montesinhos e ao LIC de Pena Maseira

Espazo natural de Pena Maseira, A Gudiña.
Ecoloxistas en Acción denuncia que a Administración da Xunta non declarou a caducidade da concesión malia que a mina nunca chegou a ter actividade.

A asociación Ecoloxistas en Acción vén de remitir varios escritos ás consellerías de Economía e Medio Ambiente, así como á Valedora do Pobo, para chamar a atención da Administración a vixencia dunha concesión de explotación mineira de estaño e volframio na Gudiña, á que se outorgou Declaración de Impacto Ambiental (DIA) favorábel en 2014 e autorización mineira en 2015, pero que nunca tivo actividade.

A lexislación, recalca o colectivo ecoloxista nun comunicado, estabelece que as concesións mineiras "caducarán de non iniciarse os traballos ou por incumprimento dos prazos aprobados nos proxectos, mentres que as DIA perden a súa vixencia aos catro anos. Non obstante, a Administración mineira non só non iniciou os trámites de caducidade, se non que tentou ocultar a falta de actividade mediante informes", engade.

Avaliación de impacto transfronteiriza

Escoloxistas en Acción aclara que o proxecto mineiro afecta directamente ao Lugar de Importancia Comunitaria Pena Maseira, dentro da rede Natura 2000, apenas a 1 km de distancia do Parque Natural de Montesinhos, en Portugal, "malia que a Xunta da Galiza non tramitou no seu día o preceptivo procedemento de avaliación de impacto ambiental transfronteiriza".

"Mentres se supoñía que a explotación extraería 5.000 toneladas anuais en varias cortas a ceo aberto, a imposibilidade de trasladar o material en camións ata as instalacións da mina de San Finx, en Lousame, ao non contar tampouco coas autorizacións ambientais necesarias, fixo a produción fose cero".

Proxecto Corcel

En abril deste ano, Valoriza Minería (Grupo Sacyr) vendeu a totalidade das súas participacións na empresa concesionaria, da que tiña o control maioritario, adquiríndoas unha sociedade instrumental alemá creada en Berlín un mes antes para completar a adquisición.

A nova empresa, LMBI Vermögensverwaltungs GmbH, está vinculada a Roberto García Martínez e á mercantil sueca Eurobattery Minerals AB, cuxa filial galega ven de ser expedientada por realizar sondeos ilegais no que denomina "proxecto Corcel", outro proxecto de mina a ceo aberto de cobre, níquel e cobalto situado entre Santa Comba e Coristanco.

Ecoloxistas en Acción descofía que a nova titular irá continuar a especular con este dereito mineiro "pondo en risco a integridade de espazos ambientalmente sensíbeis, como xa o fixo coa Braña da Serra de Castriz", e por iso demanda que se cumpra coa lexislación declarando a caducidade tanto da concesión mineira como da autorización ambiental.