Os delitos de odio creceron 53% na Galiza en 2025: os incidentes relacionados coa ideoloxía quintuplicáronse
Os delitos e incidentes de odio alcanzaron o ano pasado os 118 na Galiza, o que supón un incremento de 53% con respecto aos 77 rexistrados o ano anterior, segundo recolle o informe anual do Ministerio do Interior de acordo cos datos dos corpos e forzas de seguridade do Estado.
Entre as tipoloxías, os máis numerosos son os delitos de odio relacionados co racismo e a xenofobia, que supuxeron 39 do total. Con todo, a categoría que máis crece con respecto ao ano anterior é a dos delitos de odio por razón de ideoloxía, que pasa de cinco en 2024 a 28 en 2025. A maiores, rexistráronse 27 delitos de odio por razón da identidade sexual ou de xénero.
Entre outros, houbo na Galiza Galicia catro delitos de odio por antisemitismo, outros catro por discriminación de xénero, tres por crenzas ou prácticas relixiosas, tres por antixitanismo, dous por aporofobia, outros dous por disfobia, un por islamofobia e un de discriminación por enfermidade.
Destes casos investigados, esclarecéronse case 75%, un total de 88, e detivéronse ou investigáronse 41 persoas implicadas. En datos relativos, Galicia ten unha das taxas de delitos de odio máis baixa do Estado, de 4,35 por cada 100.000 habitantes, por baixo da media estatal.
Datos estatais
As Forzas e Corpos de Seguridade do Estado investigaron en 2025 no conxunto do Estado un total de 2.417 infraccións penais e incidentes de odio, a maior cifra desde que en 2014 se comezou a elaborar o Informe sobre a evolución dos delitos e incidentes de odio en España.
Soben os feitos rexistrados en todos os ámbitos, excepto a discriminación xeracional, que descende un 31%. Os delitos por racismo/xenofobia foron os máis numerosos (934) e os vinculados á islamofobia, a disfobia e o antisemitismo, os que máis creceron.
Esclarecéronse 65,6% dos feitos e detivéronse ou investigáronse 1.018 persoas, un 12,5% máis que en 2024, na súa maioría de sexo masculino (78,5%) e de idade comprendida entre 26 e 40 anos, que representan o 24,2% do total.