Os delitos de LGTBifobia diminúen na Galiza... pero teñen "un maior compoñente violento"

Presentación do informe do Observatorio Coruñés contra a LGTBifobia, esta cuarta feira. (Foto: Europa Press)
En 2023 rexistráronse 48 incidentes de odio, fronte aos 68 contabilizados o ano anterior, dos cales 43 poden ser considerados como agresións cara á comunidade LGTBI+.

Un estudo elaborado pola Asociación pola Liberdade Afectiva Sexual (ALAS) A Coruña, presentado esta cuarta feira no consistorio coruñés, constata que os incidentes de odio rexistrados no país "diminúen lixeiramente", aínda que teñen "un maior compoñente violento".

En 2023 rexistráronse un total de 48 incidentes de odio, fronte aos 68 contabilizados o ano anterior, dos cales 43 poden ser considerados como agresións cara á comunidade LGTBI+. Destaca o aumento de vítimas de LGTBifobia "en persoas maiores de 50 anos, por primeira vez".

O servizo ofrecido por ALAS A Coruña realizou o pasado ano 352 atencións, 22 máis que o ano anterior, a persoas de 22 nacionalidades diferentes e das que 66,4% tiñan carné do Estado español. A franxa de idade das e dos agredidos está entre os 20 e 40 anos, e 61,08% das usuarias foron asistidas na Coruña. "O noso servizo atende dous novos casos cada tres días, un número bastante alto", apuntou a presidenta da entidade, Ana García Fernández.

Respecto ao tipo de asesoramentos, explicou que "por primeira vez" os de tipo sanitario ocupan a primeira posición excedendo os de tipo social, que se estabilizan.
Con todos estes datos, instou a Xunta a traballar "de maneira urxente na actualización e reformulación" da normativa LGTBi para adaptala á lei actual estatal, "moito máis ampla e en vigor desde hai máis dun ano".

Ademais, Fernández solicitou ao "conxunto das administracións públicas" dar resposta á demanda de recursos habitacionais de emerxencia para vítimas de LGTBifobia e a garantir o acceso á cidadanía a atencións de saúde mental no sistema de saúde galego de "forma eficaz".

Pola súa parte, a concelleira de Benestar Social, Yoya Neira, que tamén participou na presentación dos resultados, recalcou o feito de que existan estas denuncias "dá a esperanza de que cada vez máis xente atópase segura á hora de poder levantar a man e pedir axuda e colaboración". Insistiu, ademais, na importancia das campañas de "prevención, concienciación e, fundamentalmente, de visibilización para evitar calquera actitude de carácter discriminatorio".