Defensa da Sanidade cualifica de "cutre e populista" a oferta de aloxamento a sanitarios de Sanxenxo

A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública cualificou de "manobra de mercadotecnia cutre e populista" a medida anunciada polo alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, de facilitar vivenda provisional ao persoal de Atención Primaria que desexe traballar no municipio. Aseguran ademais que a falta de persoal non ten a ver coa falta de vivenda, "senón cunhas condicións de traballo dignas".

A través dun comunicado, a asociación insiste en que a causa da falta de profesionais son as condicións laborais "indignas caracterizadas pola inestabilidade e a precariedade laboral, que obriga emigrar a parte do persoal".

Afirman tamén que a medida "atenta contra a dignidade profesional do persoal sanitario"; "unha volta aos anos nos que o municipio proporcionaba vivendas ao persoal médico de Asistencia Pública Domiciliaria (APD) para compensar uns salarios de miseria".

"A poboación debe saber que a solución non pasa por recorrer á privatización: a oferta de seguros privados a 15 euros non garanten a cobertura da demanda (serían necesarios 600 euros) e as condicións laborais do persoal que traballa nas aseguradoras é dunha gran explotación con salarios de miseria (15-30 euros por consulta de medicamento xeral ou 30-50 da especializada), que lles obriga a masificar as axendas e a prestar unha atención de baixa calidade", explicaron.

Por último, aseguraron que a solución tampouco pasa por "adoptar medidas populistas" que fidelicen ao persoal aos concellos que lles dean aloxamento, "senón por un cambio na política de persoal sanitario".