Defensa da Ría denuncia ante o Valedor do Pobo unha ‘’trama político-familiar’’ entre Xunta e ENCE

ence apdr manife

A APDR sinala que hai lazos familiares directos entre directivos da pasteira e altos cargos da Xunta en departamentos onde ENCE ten procedementos abertos.

A Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) afirma que existe entre ENCE e a Xunta o que cualifica de “trama político-familiar”. O presidente da plataforma ambientalista, Antón Masa, apunta a que o director da factoría de ENCE en Pontevedra e a subdirectora xeral de Coordinación Ambiental da Xunta están casados. O que, entende Masa, é un conflito de intereses pois a mencionada subdirección xeral “é xuíz e parte dos procesos abertos con respecto a ENCE”, en particular sobre a tramitación da Autorización Ambiental Integrada.

“Non se pode actuar desde a Xunta tendo intereses en Ence e Elnosa”

Mais aínda hai máis, apontan desde a APDR. Esta subdirectora xeral da Xunta foi nomeada en 2002 por parte dun conselleiro de Medio Ambiente (Carlos del Álamo, polo PP) que actualmente pertence ao Consello de Administración da pasteira.

E máis: para a plataforma ambientalista “todo parece indicar” que quen exerceu como representante legal de Elnosa na solicitude de renovación da Autorización Ambiental Integrada é irmá da subdirectora xeral.

A APDR xa anunciou que se vai dirixir ao Valedor do Pobo para pedir o seu “amparo” fronte a Consellería de Medio Ambiente. A Asociación faralle entrega dunha "listaxe de casos" nos que, di a Plataforma, a Xunta "incumpríu" a lexislación comunitaria, estatal e autonómica. E quere que tamén dea explicacións Pachi Vázquez, que fora conselleiro de Medio Ambiente no bipartito.

Tanto a Xunta como ENCE xa saíron ao paso destas denuncias para negar as acusacións.