ANáLISE DO RD DE ESPECIALIDADES, UN TEXTO QUE DESENVOLVE A LEI WERT

Un decreto que desespecializa

Mobilización contra a LOMCE

Mentres o rebumbio da corrupción nos sobarda, o Ministerio de Educación acomete o asalto definitivo ao sistema de ensino público. Máis un atentado aos nosos dereitos. 

 

O novo asalto ao sistema de ensino público constitúe outro xeito de corrupción, mais silente, pero máis demoledora por canto afecta o modelo de sociedade que se está a deseñar.

Falamos do  proxecto de Real Decreto de especialidades de secundaria, aínda rascuño, mais que parece contar cos beneplácitos necesarios, incluídos os da Consellaría de Educación e, dentro do ámbito sindical, coa oposición, até onde sabemos, só da CIG-Ensino. Esta proposta de RD responde ao desenvolvemento da LOMCE, lei moi contestada pola sociedade galega e que, como repetidamente se ten denunciado, vai comportar despedimentos de profesorado interino, mobilidade funcional, precariedade laboral, reconversión de postos de traballo, aumento do tempo en expectativa, precariedade e obriga de exercer a docencia en materias diferentes das que se é especialista, sen importar a formación e os coñecementos do profesorado nin a calidade do ensino. Para que disimular, se o obxectivo declarado é a privatización total do sistema, como se deduce das declaracións do alcalde da Coruña nun colexio do Opus Dei cando afirma que é nos centros privados onde se forxan os líderes do futuro, e se pon a si mesmo como exemplo!!!

 Para que disimular, se o obxectivo declarado é a privatización total do sistema, como se deduce das declaracións do alcalde da Coruña nun colexio do Opus Dei 

A proposta de RD, presentada hai poucos días e sen posibilidades de resposta, ou contraste, coa comunidade educativa, ten como obxectivo, e tomamos palabras da CIG-Ensino, sindicato maioritario no ensino público, “reducir, aínda máis, os cadros de persoal dos centros, minguar a calidade do ensino, crear un profesorado polivalente, introducir docentes de linguas estranxeiras á marxe do sistema ordinario de acceso á función pública docente, flexibilizar e desregularizar as especialidades do profesorado, crear profesorado de nivel e non de especialidade nos primeiros cursos da ESO e facilitar a impartición de docencia nun corpo diferente ao que se pertence (o profesorado de secundaria da especialidade de lingua estranxeira poderá impartir en primaria, o profesorado de PES poderá exercer docencia nas ensinanzas de réxime especial no nivel básico)”.

Terminoloxía neoliberal

Estamos perante un texto asentado nos principios que inspiraron a LOMCE, e polo tanto de carácter exclusivamente mercantilista, que se centra en criterios de rendibilidade económica e non educativa, ou iso é o que se deduce da presentación do proxecto polo Ministerio ao facer referencia aos conceptos de polivalencia, flexibilidade, rendibilidade e eficiencia para definir o contido do proxecto de Real Decreto. Terminoloxía neoliberal que agocha despedimentos, precariedade laboral, mobilidade, desregulamentación. Ideoloxía que concibe a educación como unha mercadoría máis, un ben de consumo só ao alcance de quen o poida pagar e que, ademais, non ten en conta a formación e a educación como un dereito fundamental da persoa.

Porque, pensemos, alguén imaxina que no sistema público de saúde un infarto sexa tratado por un dermatólogo? Ou que unha operación de neurocirurxía a leve a cabo un reumatólogo? 

Porque, pensemos, alguén imaxina que no sistema público de saúde un infarto sexa tratado por un dermatólogo? Ou que unha operación de neurocirurxía a leve a cabo un reumatólogo? Pois iso será o que aconteza no ensino se o artigo 3.3 e anexo V do proxecto de RD que comentamos vai adiante. É aí onde se recolle a asignación de materias afíns a diferentes especialidades, de maneira que, por exemplo, o profesorado especialista en Asesoría e Procesos de Imaxe terá que impartir Bioloxía; o profesorado de Lingua e Literatura Galega ou Castelá, impartir Xeografía e Historia; o de Filosofía, impartir Iniciativa  Actividade Emprendedora e Empresarial; o de Linguas Estranxeiras, impartir Lingua Castelá; o profesorado de Debuxo ou Educación Física, Artes Escénicas, etc., etc. E, xa na cima dos despropósitos, que non son tal e si actuación consciente, os requisitos para impartir docencia nos centros privados son diferentes dos esixidos para o ensino público. 

E mentres isto se coce en Madrid, o Sr. Feijóo, e o Sr. Vázquez, responsábeis de velar por que todos os galegos e todas as galegas teñan unha educación que lles garanta o pleno desenvolvemento como cidadáns e cidadás libres e conscientes, asumen disciplinadamente os mandatos do PP.