Activada a situación 2 por un incendio na Pobra do Brollón próximo a tres núcleos habitados

Veciños ven o avanzo do lume esta segunda feira, día 25, en Brollón (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
O incendio obriga a cortar a circulación de tren da liña Monforte-Ponferrada.

Un incendio no concello da Pobra do Brollón (Terra de Lermos), orixinado na parroquia de Abrence, obrigou a declarar a situación 2 de emerxencia.

Así o confirmou a Consellaría de Medio Rural, que sinalou que a decisión se toma como medida preventiva ante a proximidade das chamas aos núcleos de Golmar (A Pobra), Conceado e San Pedro (Quiroga).

Polo momento, as estimacións sinalan que afecta unha superficie de máis de 100 hectáreas. Ademais, Adif informou de que, dado que o lume atópase próximo á vía, interrompeuse a circulación entre San Clodio Quiroga e A Pobra de Brollón, da liña Monforte de Lemos-Ponferrada.

Para a extinción deste incnedio mobilizáronse de modo acumulado 4 técnicos, 10 axentes, 14 brigadas, 15 motobombas, 4 pas, 4 helicópteros e 8 avións.

Neste momento son tres os incendios activos na Galiza de máis de 20 hectáreas afectadas, que son este da Pobra do Brollón, xunto cos de Avión-Nieva e o de Carballeda de Valdeorras-Casaio.

Desde as 17.09 horas do domingo está activo un lume no concello de Avión, parroquia de Nieva, que afecta unha superficie estimada de arredor de 150 hectáreas 

Segue activo, desde as 18.42 horas do día 18, o lume do concello de Carballeda de Valdeorras, parroquia de Casaio, que segundo as últimas estimacións provisionais afecta arredor de 4.700 hectáreas e que entrou na Galiza dende Castela e León