"Decepcionante" xuntanza do comité aeroportuario, sen avances nin acordos significativos para a Galiza

Un avión no aeroporto de Vigo (Foto: Javier Vázquez / Europa Press).
A reunión entre AENA, a Xunta da Galiza e os concellos de Santiago, A Coruña e Vigo rematou co único acordo de crear unha comisión que estude o empeoramento das cifras nas terminais galegas.

O comité de coordinación aeroportuaria da Galiza celebrou esta sexta feira unha nova reunión, esta vez en Vigo, que culminou sen avances nin acordos significativos, cos representantes municipais falando de "decepción" e a Xunta da Galiza apelando á implicación de AENA, que se limita a pór en valor os seus investimentos e a lembrar que a promoción turística é unha competencia autonómica.

Así, o encontro durou algo máis de hora e media —porque a delegación estatal tiña que coller un avión—, e nel participaron o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo; a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; o concelleiro coruñés de Turismo, Gonzalo Castro; a tenente de alcalde de Vigo e a concelleira de Turismo, María José Caride e Yolanda Aguiar; o delegado do Goberno español na Galiza, Pedro Branco; o secretario xeral de Transporte Aéreo e Marítimo do ministerio de Transportes, Benito Núñez; e o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Manuel Vieites.

A cita serviu para pouco máis que repetir o diagnóstico, xa coñecido, da situación —o empeoramento das cifras nas terminais galegas, a preocupación pola competencia do Porto e a necesidade de coordinación— e para crear un grupo de traballo que aínda non ten data para a súa primeira reunión.

Pedro Branco explicou que, na reunión, AENA informou sobre os seus investimentos en aeroportos galegos, máis de 130 millóns de euros entre 2018 e 2024, e sobre as liñas de incentivos a compañías para captar novos roteiros, e admitiu que tamén "se puxo en evidencia a necesidade de estabelecer unha coordinación entre administracións" para impulsar novas rutas na Galiza.

Con todo, matizou que a promoción turística é unha competencia autonómica, aínda que engadiu que AENA e o Goberno español están dispostos a traballar e apoiar a planificación dunha estratexia para mellorar os datos.

Reunión "decepcionante" para os concellos

Todos os representantes municipais coincidiron en cualificar a reunión como "decepcionante". Así, a rexedora compostelá, Goretti Sanmartín, lamentou que a delegación municipal acudía ao encontro "con todas as expectativas", pero atopouse con que "se segue repetindo o mesmo" que se expuxo nese comité nos últimos dous anos.

"Temos un problema importante [...], hai que facer unha planificación a medio prazo do conxunto do sistema aeroportuario galego, que teña en conta a nosa dependencia de voos domésticos, a competencia do Porto e a chegada do AVE", insistiu, antes de repetir que esa estratexia debe facerse con visión de país, superando o "localismo" para que as terminais galegas "non se fagan a competencia entre si", senón que se complementen e busquen a especialización.

Con todo, con este escenario, criticou a "pouca receptividade" de Xunta e do Goberno español para actuar e tomar esta cuestión "coa importancia que ten" e, tras confirmar que Santiago participará no grupo de traballo que se cree, censurou que, no encontro desta sexta feira, nin o Goberno galego nin AENA puxeron ningunha proposta sobre a mesa.

A tenente de alcalde de Vigo, María José Caride, pola súa banda, tamén viu "decepcionante" a reunión do comité, aínda que centrou as súas críticas na Xunta, porque "non se fai responsábel da situación que viven os aeroportos galegos" a pesar de ter as competencias en promoción turística.

Ademais, acusou Turgaliza de estar a negociar con operadores para ofrecer servizos desde os aeroportos galegos, e de fechar cinco voos chárter desde Alvedro, e ningún para Santiago ou Vigo. Esta afirmación foi cualificada como "falsa" polo conselleiro Diego Calvo, que matizou que a Xunta negocia con operadores no marco das súas accións de promoción turística da Galiza, pero que son estes os que deciden os aeroportos onde ofrecerán os seus servizos.

O concelleiro de Turismo da Coruña, Gonzalo Castro, tamén manifestou que, "por desgraza", no comité de coordinación séguese falando "do mesmo" dos últimos anos: a necesidade dunha coordinación aeroportuaria "pero sen avances claros".

Castro pediu "responsabilidade" a todos os actores implicados, e sinalou a AENA, de quen lembrou que non deixa de ser unha empresa que "non pode asistir impasíbel a unha perda efectiva de potenciais clientes" que se van desde Galiza ao Porto, e que estimou nuns dous millóns de persoas ao ano, "pola ausencia de coordinación e pola ausencia dunha planificación".

A Xunta pide a AENA que sexa más proactiva

O conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, remarcou, pola súa banda, que as competencias de coordinación aeroportuaria "son do Estado" e AENA "non se pode limitar unicamente a pór ao dispor das distintas aerolíneas unhas infraestruturas". "O papel de AENA ten que ser moito máis proactivo", proclamou, e afeou que o ente público diga que non pode facer "nada" con respecto á subida de taxas aeroportuarias, unha taxas que, segundo a Xunta, non poden ser as mesmas para todas as terminais, sen ter en conta as súas singularidades.

O presidente da patronal galega, Juan Manuel Vieites, demandou tras a reunión "máis complementariedade" e "especialización funcional" dos aeroportos galegos, e valorou o paso que supón crear un grupo de traballo para analizar en profundidade os datos que afectan ás terminais. "O noso gran competidor é Porto, e aí é onde temos que facer os deberes, coordinados coa Xunta, con axudas para a promoción", proclamou.