Ducias de persoas concéntranse ante Educación para pedir que non volva "a pandemia dos recortes"

Concentración da CIG-Ensino ás portas de San Caetano (Imaxe: CIG Ensino)

Os sindicatos de profesorado seguen instando A Xunta que manteña o esforzo en recursos humanos nos centros de cara o próximo curso. Na terza feira, ducias de persoas secundaron unha protesta convocada pola CIG-Ensino para reclamar á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria que non de marcha atrás e que prorrogue o reforzo de docentes polo menos para o próximo período académico.

O sindicato, que se concentrou ante a sede de Educación en Compostela, advertiu que a redución da distancia de seguridade en ESO e Bacharelato, que pasaría de 1,5 a 1,2 metros entre alumnos, provocaría unha "redución drástica" de grupos, un incremento da ratio alumno profesor e un retorno á "pandemia dos recortes".

Así o advertiu esta cuarta feira o secretario nacional de CIG-Ensino, Suso Bermello, que denunciou que esta situación podería afectar a unhas 1.350 contratacións realizadas este ano pola Xunta para atender os desdobres de aulas realizadas nos centros educativos e cumprir cos protocolos Covid.

Perda de calidade educativa

Unha hipotética marcha atrás implicaría, engade Bermello, unha "perda de calidade educativa" ademais de postos de traballo, dado que a pesar do uso obrigatorio de máscara e das diferentes medidas de seguridade sanitaria, todos os profesionais coinciden que "nunca se deran unhas condicións como as deste curso", ao pasar de contar con aulas de 32 ou 33 alumnos a outras de entre 18 a 21.

Esta redución do cociente supuxo unha redución "exponencial da conflitividade" nos centros e do "número de expedientes", ademais dunha mellora notábel dos resultados académicos do alumnado.

Bermello insistiu en que esta realidade constatou que "a demanda histórica" de redución de ratios realizada pola comunidade educativa é "o principal elemento para dotar o ensino público dun alto nivel de calidade".

Manter as condicións

Por todo iso, entre outros factores, o portavoz de CIG-Ensino demandou a Educación que manteña as contratacións realizadas durante a pandemia e que se consoliden como prazas estruturais, de modo que así se incorporen aos claustros "a tempo completo para poder atender mellor" o alumnado e a diversidade.

"Levamos dous cursos absolutamente anormais e o que necesita tanto o alumnado como o profesorado, no curso que entra, é que non se reduzan os postos de traballo e que non se reduza a ratio. Esa é a cuestión fundamental", resolveu.