O decano de Dereito da USC veta a escolla de prácticas a unha estudante por participar nun piquete o 24-O

O decano, Míguez Macho [Imaxe: EGAP]

A moza, militante da organización nacionalista Agir, denuncia que foi expulsa da sala onde se realizaba a escolla de prazas polo decano, Miguel Míguez Macho. 


Está no último ano do grao en Dereito e só lle quedan por facer as prácticas. Porén, e malia ter un dos mellores expedientes, non poderá escoller destino porque, segundo denuncia ela propia, foi expulsa da sala onde se realizaba o acto de elección das prazas polo decano, Luis Míguez Macho. 

En conversa con Sermos Galiza a estudante, Tatiana Maseda, explicou que na quinta feira 24 de outubro, coincidindo coa xornada de folga xeral no ensino á que estaba chamada toda a comunidade educativa, a facultade de Dereito da USC convocou un acto de elección das prácticas do grao.

"Unha semana antes subín ao decanato para preguntar cando sería porque o comprometeran para outubro e xa estabamos a finais e non sabiamos nada", contou. No decanato dixéronlle que a data non fora aínda marcada. Na segunda feira 21 anunciárona para o 24.

Boicote do acto por ''coaccionar o estudantado'' perante a folga

As organizacións estudantís Comités, Liga estudantil, Asemblea aberta e a propia Agir consideraron que a intención do decano, Luis Miguez Macho, era "coaccionar o estudantado" pois, ao seren prácticas de obrigada realización "ninguén ía faltar ao acto e non farían greve". Así que na mañá do 24 realizaron unha acción de boicote e negociaron unha nova data: esta segunda feira, 28 de outubro.

"Tiña hora para as dez da mañá porque dan as quendas en función da nota do expediente e entón tocoume bastante cedo. Cando dixeron o meu nome, o decano comezou a me dicir a berros que non tiña dereito a estar alí, expulsoume da sala de má maneira e diante de todo o mundo e ameazoume con me abrir un expediente porque me tiña identificada".

Denunciou ''abuso de superioridade'' por parte do reitor

Malia que a apertura dun expediente debe estar fundamentada e Maseda di que na acción de boicote "non houbo altercados nin destrución de mobiliario nin nada de nada", a actitude de Míguez Macho levouna a denunciar perante o Valedor d@ estudante e perante a Vicerreitoría da USC o acontecido e o "abuso de superioridade" que apón ao decano.

"Non vou quedar sen prácticas mais non podo escoller praza e vanme quedar as peores", explica, argumentando que "as peores", no seu caso, son aquelas que exixen desprazamento fóra de Compostela "porque non teño maneira de chegar". Namentres agarda pola resposta do Valedor e da Vicerreitoría, para esta terza feira 29 o estudantado convocou unha concentración diante da facultade de Dereito (12h) rexeitando o proceder de Míguez Macho para con Tatiana Maseda. O lema do protesto: Fóra fascistas da USC.