A sangría da emigración

A década na que 14% da poboación galega marcha do país

  • Entre 2002 e 2015 emigraron do país perto de 379.000 persoas, o equivalente á suma de todos os habitantes das cidades de Vigo e Pontevedra. 
  • Deses 379.000 galegos emigrantes, 279.000 fórono con destino a outros territorios do Estado español e 100.000 fóra del.
  • Vén sendo o equivalente 14% da poboación total de Galiza. Como se, por exemplo, de Alemaña emigrasen 11 millóns de persoas.

Un país de apenas 2.719.000 habitantes perdeu como consecuencia da emigración e en pouco máis dunha década 378.870 persoas. O que equivale a 14 por cento da súa poboación. Como se Alemaña perdese neses mesmos anos por emigración 11 millóns de habitantes, Francia 9 millóns ou, máis perto, Portugal vise emigrar un millón catrocentos mil dos seus habitantes.

 

Entre 2002 e 2015, e segundo dados do Instituto galego de estatística, emigraron perto de 379.000 galegos. Deles, 280.000 con destino a outros territorios do Estado español mentres que 99.000 tiveron que coller rumo a outros estados. Eses 378.870 habitantes que perdeu Galiza neses anos pola vía da emigración é equivalente á totalidade da poboación que teñen as cidades de Vigo (293.000) e Pontevedra (82.000) sumadas. Ou, por dar unha última comparación, máis que todas as persoas que viven na provincia de Lugo (336.000 habitantes).

 

En 2002 emigraron 22.877 galegos, dos que 4.193 tiveron como destino países fóra do Estado español. Trece anos despois, en 2015, a emigración atinxiu 30.707 persoas no noso país: 10.714 deles marcharon ao estranxeiro e case 20.000 cara outras zonas do Estado.

 

Dentro dese período, o ano no que máis xente emigrou de Galiza foi en 2013, cando marcharon case 31.000 persoas (como a poboación de Carballo, o undécimo concello con máis habitantes do país). E o ano no que máis galegos tiveron que marchar para o estranxeiro foi tamén 2013, con 11.739 persoas abandonando Galiza con destino a outros países. Pola contra, 2007 é o exercicio en que máis galegos emigraron a outros territorios do Estado, 22.722.