O DEBATE | Debería de limitarse ou prohibirse o anonimato nas redes sociais?

Varias aplicacións móbiles na pantalla dun teléfono intelixente. (Foto: Nós Diario)
O presidente español propuxo na cimeira de Davos adoptar medidas para rematar co anonimato en internet, un tema recorrente e que volve xerar debate.
Anonimato? Que anonimato?

Berta Pena. Enxeñeira informática

O anonimato na internet e as redes sociais é un tema amplamente discutido nos últimos anos. Un debate que, nos inicios destas ferramentas, é certo, non se daba na medida que se dá agora, aguilloado pola enxurrada de ataques, e fake news en que se converteron estas ferramentas. A posibilidade de opinar e se expresar de incógnito limitouse durante décadas a aqueles que escribía na prensa e decidían traballar baixo pseudónimo e sen desvelar o seu verdadeiro nome. A eclosión da internet e das redes sociais abriu unha esfera pública alternativa e de libre acceso, con todo o que iso implica: o dereito ao anonimato democratizouse, mais trouxo, á súa vez, problemas que todas coñecemos de sobra: usuarios que ameazan, calumnian e inxurian outros.

Esta situación obriga a formular(nos) preguntas: Serviría de algo prohibir o anonimato? A medida afectaría máis aos usuarios e usuarias que se adican a espallar odio e mentiras ou a quen emprega a rede para exercer a súa liberdade de expresión? Censurar o anonimato limita a liberdade de expresión e de opinión ou ben protexe a información veraz?

Mais, a realidade, é que o anonimato, case non existe e pódese dicir que é máis ben unha ilusión. Explicábao o sociólogo Javier de Rivera: “Non se é anónimo a non ser que se usen mecanismos de encriptación do IP moi complicados. Polo xeral, é moi fácil saber quen es. Ten que haber unha orde xudicial e a empresa que dá a conexión a internet debe prover os datos”. 

Fai falta orde xudicial. É dicir, se o usuario ou usuaria cometeu un delito, localízaselle e procésaselle. A lei actual xa permite actuar contra os infractores. Entón, cal é a intención das proposta e iniciativas que piden actuar nas redes para rematar co anonimato? Quérese limitar outra cousa de forma colateral? Quizais se comprenda mellor a intención se se examina que achega o anonimato a quen opta por empregalo.

Unha das vantaxes teóricas da internet é que permite interactuar sen a necesidade de que sexa cara a cara con outros nin revelar o noso verdadeiro nome. Isto é particularmente importante para quen necesita lidar con temas sensíbeis de diversa índole: médica, de disidencia política, de violencia de calquera índole, de denuncia. Internet pode entregar unha sensación de seguridade, resgardo e privacidade que permitan a certas persoas para buscar e informarse sobre tópicos que dificilmente tocarían de forma aberta por temor ás represalias ou á humillación pública.

En 2018 o PP impulsara no Estado unha proposta para rematar cos pseudónimos e o anonimato nas redes sociais. Daquela, desde diferentes e organizacións, como a Asociación de Internautas, opuxéranse a esa iniciativa, afirmando que "a xente ten dereito a navegar de forma anónima por Internet se non comete delito". E isto debería de ser válido na actualidade. De se cometer delito, hai ferramentas —como sinalamos antes— para actuar. Na iniciativa internacional Web We Want recollíase, no artigo 5, que "todo ser humano pode acceder a Internet e comunicarse electronicamente usando instrumentos, incluíndo sistemas técnicos, que protexan o seu anonimato [...] sen ser obxecto de discriminación nin censura". Iso é o que deberiamos protexer. 


Unha medida necesaria 

José Luís Lago. Avogado e experto en TIC.

As redes xa son o novo espazo público de comunicación por excelencia, un espazo onde se dá ademais un intercambio ou debate que, a diferenza doutros momentos da historia, é amplamente accesíbel. Calquera pode opinar no novo foro mediático que  supoñen as redes sociais. E iso ten vantaxes pero tamén implica unha serie xa non de inconvenientes, senón problemas de carácter máis preocupante.

Hai insultos, ameazas, mentiras e máis mentiras, insultos e descualificacións, humillacións, e ataques e violacións dos dereitos das persoas. E isto non se pode perder de vista. Por iso, o debate sobre, o anonimato nas redes sociais colleu forza nos últimos meses e xa está tamén no estamento político. Aí está o exemplo do presidente español, Pedro Sánchez, chamando a valorar a conveniencia de adoptar medidas sobre este tema.

Neste sentido, unha das propostas que máis forza colleu é a de que as grandes plataformas que aloxan as redes requiran aos usuarios unha identificación fidedigna antes de permitirlles o acceso. Non se trata, pois, de que os usuarios teñan que exhibir e mostrar ao público foto, nomes e apelidos. 

Non se debe de perder de vista que o dereito á liberdade de expresión non é absoluto, en ningunha democracia do mundo, non falemos xa do resto dos países. Nas democracias tamén hai normas e leis contra as inxurias ou difamacións, por exemplo. Por iso, que se adopten medidas nas democracias para garantir que nas redes sociais non acaben sendo cada vez máis un espazo onde abunden ameazas e coaccións.

Nun país democrático, o anonimato non se pode xustificar polo medo á represión do Estado, senón como unha escusa para garantir a impunidade d que ameaza e coacciona. 

Debater e interactuar nas redes sociais —como noutros ámbitos da vida— require que exista unhas mínimas regras de arbitraxe. Que se garanta que un non vaia ser acosado. 

E hai outro debate de importancia. A lei prohibe aos menores de 14 anos crear un perfil nunha rede social, con todo, existe suficiente seguridade para saber que se cumpre este requisito? Unha aplicación de control parental estimou que os nenos pasan ao redor de 67.000 minutos ao ano en redes sociais. É dicir, o 12% do seu tempo ao ano vai destinado a estas aplicacións.

O artigo 13 do Real Decreto 1720/2007, do 21 de decembro, polo que se aproba o Regulamento de desenvolvemento da Lei Orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal prohibe aos menores de catorce anos, agás que teñan o consentimento dos seus pais ou titores, crear un perfil en redes sociais como Instagram. Con todo, existe pouca seguridade ao redor da veracidade da idade dos usuarios, xa que non se debe achegar ningún documento que comprobe a idade. É dicir, a mentira está ao alcance de calquera e de feito, nun estudo realizado pola aplicación Tiktok, detectáronse un total de sete milló de contas sospeitosas pertencentes a persoas con idade inferior á permitida. Non sería máis adecuado achegar un documento de identidade oun algún tipo de identificación á hora de crear unha conta? Algo, por certo, que se require en múltiples actividades do día a día sen que supoña problema.