Unha vítima da Maruxaina de 2019 urxe concluír a investigación: "É indignante que isto siga como ao principio"

Manifestación de apoio ás mulleres gravadas nas festas da Maruxaina decorrida en abril de 2021. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Fala unha das vítimas das gravacións ilegais no regreso da festa: "Non foi o que esperaba, estiven con moita ansiedade. Foi todo moi raro".

Unha das vítimas das gravacións ilegais durante a festa da Maruxaina en 2019, Paloma Maseda, vén de apremar o xulgado de Viveiro a que conclúa a súa investigación.

Maseda, unha das vítimas que xa declararon ante o xuíz, expuxo, após o regreso desta festa de corte mitolóxico en San Cibrao, no concello de Cervo, que esta edición era "moi desexada", aínda que recoñeceu que no seu caso non foi "como realmente pensaba".

"Crin que o ía levar moito mellor e non fun capaz de integrarme nesta festa a pesar de estar con toda a miña xente, cos meus amigos, coa miña familia. Non foi o que esperaba, estiven con moita ansiedade. Foi todo moi raro", explicou.

Con todo, aproveitou para felicitar a organización deste ano, xa que houbo "máis baños e moitísima máis seguridade, e tamén se mellorou a limpeza a nivel de rúa". "Era o que se necesitaba tamén", apuntou.

Sobre a investigación, Paloma Maseda esgrimiu que están á espera de se "se move un pouco", admitindo que agora no verán a instrución pode demorarse algo. Sexa como for, emprazou a Xustiza a "pór as pilas" neste asunto. "É indignante que transcorrese tanto tempo e siga isto como ao principio".

"Á fin e ao cabo estamos como ao principio [en 2019]. Esperamos que se movan algo e fagan xa o seu traballo", concluíu esta vítima das gravacións ilegais, con imaxes que nalgún caso chegaron a páxinas pornográficas.

Até o momento tomouse declaración a case un cento de mulleres que foron gravadas ouriñando de forma furtiva. Quedan aínda unha vintena delas por declarar ante o xuíz de Viveiro.