Darias alerta do incremento dos contaxios de Covid-19 nas persoas menores de 50 anos

A segunda dose de AstraZeneca comezará a inocularse mañá. (Foto: Ronny Hartmann / dpa)
A vacinación con AstraZeneca para as e os menores de 60 anos que decidiron tratarse coa segunda dose desta marca comezará hoxe na Galiza.

A ministra de Sanidade Carolina Darias advertiu nesta cuarta feira que os datos epidemiolóxicos apuntan a un incremento dos contaxios da Covid-19 entre persoas menores de 50 anos. Se ben é unha subida “lixeira”, isto fai que se reducira a tendencia descendente na transmisión da pandemia no Estado español.

Segundo Darias, os distintos territorios comunicaron hoxe 5.007 novos casos de coronavirus, 2.579 detectados nas últimas 24 horas.

Após a reunión do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde (CISNS), explicou que en tres zonas hai incremento de infectadas, noutros cinco territorios podería falarse de estabilización e no resto de caída dos contaxios.

Segunda dose de AstraZeneca

Tamén en relación coa pandemia, comunicouse que mañá mesmo serán vacinadas persoas que tiñan a primeira dose do fármaco de AstraZeneca e que decidiron pór a segunda. A campaña comezará pola área sanitaria de Ourense.

O Sergas indicou que o 87% dos cidadáns menores de 60 anos aos que se lles consultou se querían cambiar o tratamento polo de Pfizer na segunda dose ou seguir con AstraZeneca, elixiron a mesma marca.

En calquera caso, é preciso un consentimento informado porque o Ministerio de Sanidade prefería continuar a inmunización con Pfizer, debido aos trombos detectados nalgúns casos de pacientes tratados coa outra medicina.

Un novo envío

De feito, hoxe comunicouse que para a semana próxima chegarán a España 1,3 millóns de doses desta última vacina da polémica, que de feito ía con atraso.

Neste sentido, Darias afirmou que pensa que serán “suficientes” para administrar aquelas segundas doses ás persoas que as elixiran.