O Sergas inicia o ensaio clínico pediátrico da vacina de Pfizer en menores de 12 anos

Dose da vacina de Pfizer (Imaxe: Nós Diario)

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) iniciou esta semana o ensaio clínico en menores de 12 anos coa vacina de Pfizer-BioNTech contra a Covid-19 que leva a cabo no Hospital Clínico de Santiago.

Así o informou esta terza a Consellaría de Sanidade nun comunicado, no que explica que esta segunda feira os primeiros voluntarios xa recibiron a primeira dose da vacina ou do placebo.

Ao longo desta semana completaranse as 25 inmunizaciones previstas nesta primeira fase en nenos de entre cinco e até os 12 anos, indica Sanidade.

En fases posteriores, irase desescalando en idades até chegar a nenos de seis meses de idade e aos 55 participantes, concretou o departamento sanitario galego.

Sanidade explica que se trata dun "estudo dobre cego", que consiste en que a unha parte dos rapaces administráselles, nun primeiro momento, un placebo. Os participantes recibirán unha inxección cun intervalo aproximado de tres semanas e aqueles que reciban o placebo -un terzo- terán oportunidade de que se lles inocule a vacina contra a Covid dentro do estudo.

Avaliación da seguridade

Sanidade subliña que o Hospital Clínico de Santiago "é o único centro sanitario galego en participar neste estudo mundial" que busca, puntualiza a Xunta, "profundar na avaliación da seguridade, tolerabilidade e inmunoxenicidade da vacina Pfizer-BioNTech Covid-19 na prevención desta enfermidade en nenos sans de seis meses a 11 anos incluídos".

Neste ensaio do Sergas, matizan as mesmas fontes sanitarias, participarán 55 rapaces sans que formarán parte do estudo mundial no que está previsto que se inclúan 4.644 mozos, 557 deles no Estado español.

Para levalo a cabo, indica Sanidade, pautaranse visitas de control e haberá un período de seguimento de cada neno de dous anos. Aos pais e coidadores pídeselles que rexistren calquera cambio na saúde dos nenos nun diario electrónico que se lles facilita.