Carta aberta

A cultura universitaria como escola de democracia

Estudantes na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC). (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
Rosa Crujeiras, catedrática de Matemáticas e candidata a reitora da USC.

Só fai falla abrir un xornal para arrepiarse. Non se precisa ser analista política para preocuparse pola situación mundial actual e pola que parece aveciñarse. Asistimos á quebra do statu quo fixado polas potencias gañadoras da Segunda Guerra Mundial, que marcou as relacións internacionais e a cultura política na Europa que quedou a este lado da cortina de ferro.

Nesa cultura política aprendeu a relacionarse a nosa sociedade unha vez rematado o franquismo. E a memoria dese pasado recente ditatorial debería funcionar de vacina que evitase que aquí fosen exitosas narrativas que porfían en vender as bondades dun sistema político que enfraquece e nega os valores nos que se alicerza a democracia, como a defensa das liberdades individuais e colectivas, o respecto polos dereitos humanos, a apoloxía da igualdade, a existencia de pluralismo ou a participación cidadá. Toda unha serie de dereitos políticos e valores morais que, ata hai nada, demos por atados.

A cultura universitaria non debera ser tanto aprender a ser público, que tamén, como a ser partícipes e parceiras, entre nós e coa sociedade

É doado recoñecer a inxenuidade de quen nacemos en democracia e non tivemos que conquistar apenas ningún deles porque outros e outras os loitaron antes. Segundo as enquisas, quen pon a orella ante discursos antidemocráticos está, por idade, nas aulas universitarias, nesas aulas que foron esenciais para a recuperación da democracia nos setenta. Sábeno ben docentes que están rematando a súa vida laboral, que estudaron e iniciaron as súas carreiras soportando os custos de tentar ser cidadanía e non masa.

Xaora que xeneralizar non é de xustiza, pero as xeracións novas son as que caen seducidas en maior grao por discursos de extrema dereita e populistas negadores da democracia. E ante iso a universidade debe liderar a defensa e, por tanto, a transmisión e a divulgación dos principios da cultura da paz e da democracia. Uns e outros deben ser os eixos de calquera política cultural que se artelle nos próximos anos se queremos ―e queremos!― reverter ideoloxías que se parapetan no odio e na discriminación.

Pór en valor a convivencia

Calquera actividade cultural, sen importar que se trate de concertos de música, obras de teatro, obradoiros de escritura, clubs de ciencias ou literarios, exposicións, carreiras populares, rutas pola natureza, competicións deportivas ou cursos de verán, teñen en si o potencial de servir, se así se conciben e planifican, para pór en valor a convivencia entre quen non somos iguais en case nada. Nin en idades, nin en xéneros, nin en orixes, nin na lingua, nin na clase social, nin na orientación política, nin na relixión, nin en capacidades, nin en vocacións. Todos eses distintos somos, porén, comunidade mentres estamos na universidade. A diversidade que hoxe caracteriza á sociedade xa está nas aulas, e por iso culturas minorizadas e emerxentes teñen que ter cabida nunha programación cultural que será relevante se é tamén participativa e situada, é dicir, consciente e orgullosa do noso.

A razón de ser da universidade pública non é só formar profesionais, é colaborar na creación dunha cidadanía crítica e comprometida e, para conseguir ese propósito, non existe ferramenta como a cultura, o lugar común e o espazo de debate por excelencia. Alguén poderá cavilar que a cultura da paz e a democrática deberían verse superadas pola cultura científica, xa que de universidade se trata. Craso erro pensar que a cultura científica pode prosperar se non é enraizada nelas, que garanten a liberdade de cuestionar e de pensar diferente e a abocan a estar ao servizo de toda a sociedade.

A cultura universitaria non debera ser tanto aprender a ser público, que tamén, como a ser partícipes e parceiras, entre nós e coa sociedade, igual que debera exercer de contracultura en tempos, como os actuais, nos que a cultura que se nos ofrece para consumo non garante éticas humanistas. A universidade é ese espazo no que o individuo amplía a mente porque se achega a novas perspectivas, e en boa medida isto é así polo poder transformador da cultura que achega.

Así pois, está lonxe de ser intranscendente a decisión de apostar ou non por priorizala como un eixo da política universitaria ao nivel da docencia e da investigación. É toda unha declaración de intencións na que radica o potencial presente e futuro da universidade de ser unha –se non a mellor– escola de democracia.