Crónica dunha renuncia á autonomía que alimentou o caos
A do luns tampouco foi unha xornada doada na sede da Xunta da Galiza. Ao presidente do Goberno galego collíao o apagamento estatal na reunión semanal do seu Gabinete, tras a que sempre decorre unha rolda de prensa. Na súa comparecencia, o xefe do Executivo informaba de que a Administración galega estaba a funcionar "co xerador electróxeno" localizado nas dependencias de San Caetano, en Compostela, e advertía de que descoñecía as causas do "apagamento xeneralizado en toda España".
Cando o reloxo pasaba das 14 horas, Alfonso Rueda engadía que o seu Goberno activara o Plan territorial de emerxencias e que o conselleiro Diego Calvo se desprazara ao mando do 112, localizado na Estrada. Sóubose máis tarde que, ao saír da comparecencia, recibiu a chamada do delegado do Goberno estatal na Galiza, Pedro Branco, quen lle recomendaba non elevar do nivel 2 a emerxencia mentres non se coñecesen máis detalles.
Nese momento, a compañeira de filas e homóloga madrileña de Rueda, Isabel Díaz Ayuso, xa solicitara a declaración da emerxencia de interese estatal, o que significaba que reclamaba ao Goberno español tomar o control na xestión da crise enerxética.
Tras visitar a sede do 112 e logo de reunirse con altos mandos do seu Gabinete, Rueda volvía informar os medios de comunicación que realizaban o seguimento da xornada desde a sala de prensa de San Caetano. Pasaban das 20.40 horas cando o xefe do Executivo, froito do acordo adoptado no Centro de Coordinación Operativo Integrado (Cecopi), desde onde se estaban a xestionar os efectos do apagamento na Galiza, informaba de que as clases quedaban suspendidas en todos os centros educativos durante o martes, incluída a actividade lectiva nas escolas infantís.
Ademais, puña de manifesto que decidiran suspender a actividade nos centros de día de persoas maiores e de atención a persoas con discapacidade, así como os deportes federados. Coñecedor do impacto da suspensión das actividades escolares nas familias, Rueda argumentaba a medida lembrando que Galiza conta coa rede de transporte escolar máis extensa do Estado español e que "é necesario priorizar" o uso do combustíbel e prescindir dos desprazamentos innecesarios.
Nese momento, o nivel de emerxencia seguía sendo o 2 e así o defendían membros do Executivo galego, segundo as fontes do Partido Popular consultadas por Nós Diario. "O propio presidente defendía manter o nivel 2 de emerxencia e non vía necesidade de declarar o nivel 3, pois a propia Xunta da Galiza conta cun número elevado de grupos electróxenos", afirman estas fontes, críticas coa postura iniciada por Díaz Ayuso de pedir a intervención directa do Goberno estatal para "facer política" coa situación de crise.
Porén, algo mudou desde o anuncio da suspensión da actividade nas aulas, nos centros de día e no ámbito dos deportes federados. Menos de unha hora despois, o presidente decidía "por prudencia" solicitar o nivel 3 de emerxencia, é dicir, entregarlle ao Executivo de Pedro Sánchez o control da situación tamén na Galiza e aliñarse con Ayuso.
O 112 comunicaba que a xestión pasaba ás mans do Goberno estatal "dado o impacto xerado polo apagamento de enerxía eléctrica en toda a Galiza".
As autonomías que renunciaron á xestión
Desta maneira, Rueda seguía os pasos dos presidentes de Madrid, a Comunidade Valenciana, Andalucía, Estremadura, Murcia e A Rioxa -todos eles, como o galego, do Partido Popular- e renunciaba á xestión da crise enerxética. Unha decisión que tamén adoptara Castela-A Mancha, a única autonomía gobernada polo PSOE que solicitou o nivel 3 de emerxencia, presidida por Emiliano García Page, un dos baróns socialistas máis críticos con Pedro Sánchez, quen xa comunicara publicamente que as comunidades con nivel de emerxencia 3 debían garantir a apertura dos centros de ensino para favorecer a conciliación.
As incertezas e a descoordinación aumentaron a primeira hora da mañá do martes, pois a Xunta da Galiza non comunicara correctamente como proceder no eido do ensino. A través da ferramenta comunicativa Abalar, a Consellaría de Educación enviara a familias e profesorado nas últimas horas do luns, aínda cando a maioría da Galiza carecía de comunicación vía internet, o aviso da "cancelación da actividade lectiva por mor do apagamento xeral".
Ás 7.47 horas, a Consellaría publicaba no portal educativo que "segundo instrucións recibidas do Goberno central no nivel 3 de emerxencia nacional, os centros educativos permanecerán abertos para calquera incidencia, mantendo a suspensión da actividade lectiva e do transporte escolar". Pouco antes das 8.30 horas, sinalaba nas redes sociais que os centros "permanecerán hoxe abertos para que o alumnado poida acudir" por "razóns de conciliación ou similares". Un "caos", resumiu esta terza feira o sindicato maioritario no sector, a CIG, que puxo o foco na "mala xestión da Administración" galega e nas informacións "contraditorias" emitidas polo Goberno galego.
"Suponse que quen se bota a un lado ten que saber exactamente cales son as ordes que debe executar", afirmou a CIG nun comunicado, "non ten sentido ceder a xestión da crise ao Goberno estatal e iso obedece a unha decisión partidista, mais o que nos preocupa sobre todo é que novamente se deixe tirado o profesorado e as direccións".
Segundo datos da Xunta, asistiron aos centros de ensino públicos ao redor do 2,5% do estudantado, uns 8.000 estudantes. As escolas infantís de 0-3 anos abriron aos poucos en función da dispoñibilidade de persoal para garantir a atención. A porcentaxe de asistencia tamén foi residual, situándose nun 3,5%, segundo datos do Goberno galego.
Retómanse as aulas co nivel 2 de emerxencia
Na tarde do martes, nunha comparecencia sen preguntas decorrida na sede da Xunta da Galiza, Rueda, que pediu "explicacións convincentes" e responsabilidades polo apagamento, garantiu que hoxe "funcionarán con total normalidade todos os centros educativos da Galiza". Informou de que, tras reunirse por videoconferencia co ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska o Goberno galego "retoma o control da emerxencia" -no nivel 2- e que fican ampliados os prazos dos procedementos administrativos que rematasen o día 28 ou 29 de abril.