Críticas ao Concello de Poio por encargar á Garda Civil o seguimento de vítimas de violencia de xénero que antes facía a Policía Local
O BNG de Poio (comarca de Pontevedra) vén de denunciar que o alcalde Ángel Moldes “lamina” os “avances na loita contra a violencia de xénero conseguidos na localidade nos mandatos anteriores da man do BNG”.
A voceira da formación nacionalista, Marga Caldas, advirte de que o feito de que a Policía Local deixe de facer seguimento de vítimas de violencia de xénero por falta de efectivos supón un “claro retroceso” e unha demostración da “incompetencia” do Goberno local para xestionar e garantir a prestación dos servizos que lle corresponden.
A decisión de que a Garda Civil asuma provisionalmente, durante os vindeiros catro meses, o seguimento das catro vítimas de risco baixo e non apreciado existentes en Poio foi tomada na Xunta Local de Seguridade de Poio decorrida na cuarta feira. Unha vez transcorridos os catro meses, a Xunta Local de Seguridade volverá avaliar a situación.
Segundo explicou na cuarta feira a xefa da Unidade de Prevención da Violencia da Subdelegación do Goberno español na Galiza, María José Rodríguez, neste concello da ría de Pontevedra hai 42 vítimas de violencia de xénero no sistema Vioxén. Ningunha en risco extremo, 1 en alto, 6 en medio, 16 en baixo e 19 en non apreciado. A Policía Local encargábase do seguimento de dúas vítimas en risco baixo e doutras dúas en risco non apreciado.
Agora, debido á falta de efectivos na Policía Local e a petición do alcalde, estas catro vítimas pasarán a ser atendidas pola Garda Civil, un feito que para o BNG supón pór en risco o acordo asinado entre Concello e Ministerio de Interior.
Un acordo de 2022
Marga Caldas lembra que en 2022 o Concello de Poio conseguiu ser un dos 16 concellos máis punteiros do sur do país, xa que daquela o alcalde Luciano Sobral subscribiu un convenio co Ministerio de Interior para acceder ao Sistema Integral en casos de Violencia de Xénero (Vioxén). En base a este acordo os efectivos da Policía Local de Poio, xunto cos demais corpos de seguridade, entre eles a Garda Civil, estudaban de maneira coordinada e repartían os casos de violencia para sumar máis efectivos e recursos á protección das vítimas.
“No noso último mandato decidimos dar un paso máis na loita contra a violencia machista, un tema prioritario. A adhesión ao Vioxén supoñía afianzar a axuda ás mulleres cun sistema máis áxil de protección colaborando estreitamente con outros corpos. Agora, pola vía dos feitos, ese convenio parece que se vai romper porque a Policía Local non pode asumir a súa parte, e a Garda Civil ten que facerse cargo do seguimento de varias mulleres en risco”, advirte a nacionalista.
Caldas destaca que a reunión da cuarta feira entre o Concello e a Subdelegación do Goberno Español na Galiza “non fixo máis que evidenciar unha situación precaria”. Por iso, a voceira do BNG fai un chamamento urxente a Moldes para que asuma a súa responsabilidade e poña solución á falta de servizos e atención á veciñanza de Poio. “Este Concello está xa entrando en fase de deriva, descoidando áreas e asuntos tan fundamentais e sensíbeis como a atención na violencia de xénero”, alerta .
Caldas advirte, ademais, de que se o Concello non cumpre os compromisos asinados no convenio Vioxén —e rompe con el— sufrirá “aínda máis consecuencias que deixar menos atendidas as vítimas, co grave que iso xa é de por si: se quedamos sen convenio tamén se vai perder o financiamento gañado para a protección de mulleres, os recursos persoais e materiais para traballar en materia de prevención e acompañamento”, alerta a voceira.
“A incompetencia do PP quedou ben clara. Moldes ten que asumir as responsabilidades dos seus problemas e deixar de botar balóns fóra. A veciñanza de Poio ten cada vez menos servizos. Que o alcalde solucione os seus problemas internos e garanta a seguridade e a tranquilidade que merece a veciñanza”, finaliza a concelleira.