Crean un 'Covid-auto escola' para centralizar as PCR á comunidade educativa

'Auto-Covid' do hospital Álvaro Cunqueiro. (Foto: Picasa / Europa Press)
Este sistema para "descargar" de traballo a Atención Primaria e, sobre todo, as áreas de Pediatría comezará a funcionar entre esta sexta feira e principios da semana próxima. Tamén haberá partidas económicas para mercar luvas e máscaras, mais só para estudantado que vaia a clase sen elas.

A Consellaría de Sanidade avanzou esta quinta feira que entre mañá e a segunda feira estrearase o bautizado como 'Covid-auto escola', un sistema para realizar as probas PCR ao alumnado e á comunidade educativa en xeral cando se detecte un caso positivo por coronavirus nun centro.

Con esta ferramenta, que non é máis que unha adaptación do sistema de realización de probas diagnósticas desde os coches que se implantou hai meses, quere centralizar todos os exames de saúde.

Cada centro acudirá ao “circuíto único” que hai estabelecido no hospital de referencia da súa área sanitaria.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, explicou hoxe que deste xeito se “descarga” de traballo a Atención Primaria e, en particular, o servizo de pediatría. Así mesmo, servirá para “diminuír o tempo de sospeita e diagnóstico”.

Por outra banda, o Consello da Xunta aprobou unha partida de 23 millóns de euros destinadas a que os centros educativos paguen gastos extra derivados da pandemia.

Serán, por exemplo, para financiar obras de reacondicionamento e para mercar luvas e máscaras para aquela rapazada que acuda sen elas. Igualmente, hai un compromiso para transferir fondos ás universidades.

Á marxe da comunidade educativa, mañá comezará un novo cribado para detectar doentes de Covid-19 entre os 44.000 profesionais sanitarios da Galiza.