Os creadores galegos da baliza V-16: "Pensabamos en axudar as persoas con discapacidade, non en facer un produto obrigatorio"

Baliza de emerxencia V-16. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
A poucas semanas de facerse obrigatoria en todos os vehículos, a baliza V-16 volve ao foco público. Detrás deste dispositivo que substituirá os triángulos están dous empresarios vigueses que lembran que a súa idea inicial non era crear un produto imposto por lei, senón facilitar a sinalización de emerxencias ás persoas con mobilidade reducida. Hoxe, a luz conectada que idearon converteuse nun elemento imprescindíbel para máis de 30 millóns de condutores.

A obrigatoriedade de levar no coche unha baliza V-16 a partir do 1 de xaneiro de 2026 provocou debates en familias, grupos de amizades e redes sociais. O que moita xente descoñece é que detrás deste dispositivo convertido agora en imprescindíbel están dous empresarios vigueses: Jorge Torre e Jorge Costas, ex axentes da Garda Civil que non imaxinaban que a luz que deseñaron en 2016 acabaría impóndose por lei en todo o Estado español.

"Cando comezamos, a idea non era ser un produto obrigatorio, senón ofrecer unha alternativa para persoas con mobilidade reducida, para quen colocar os triángulos era imposíbel", explican nunha entrevista con Europa Press. Aquela primeira versión da baliza foi presentada por todo o Estado a asociacións de persoas con discapacidade e colectivos de vítimas de accidentes, que xa daquela a viron "moi válida".

A semente da Help Flash xurdiu cando Torre, durante o seu tempo na Garda Civil, se decatou de que "case ningún condutor" colocaba correctamente os triángulos de emerxencia. O risco era evidente: baixar do coche nunha vía rápida, camiñar pola beiravía e exporse ao tráfico.

Decidiu deixar o Corpo e desenvolver unha luz autónoma, portátil e sen cables, inspirada nas que empregaban os vehículos camuflados. Pouco despois sumouse Costas —que recoñece, con humor, que "intentou emprender e arruinouse"— e ambos fundaron Netun Solutions, que posteriormente participou na aceleradora Vía Galicia.

A clave: a conectividade que revolucionou o sistema

As primeiras balizas non estaban conectadas. O salto chegou cando a DXT reparou no dispositivo e impulsou unha versión capaz de enviar a súa localización. "Era necesario avisar doutro modo a quen circulaba pola vía", explican.

Os creadores insisten en que a baliza non compromete a privacidade: non está asociada a ningunha matrícula nin persoa, e só emite datos cando se activa. "Sería imposíbel emitir a localización todo o tempo cunha pila. Duraría minutos", indican, ante as críticas de quen teme un sistema de seguimento encuberto.

Para Torre e Costas, a baliza supón un salto de seguridade evidente: evita baixar do vehículo, colócase en segundos, e é visíbel a distancia, incluso en condicións adversas, explican. "Moitas persoas nin sequera colocan o triángulo porque se paralizan", explican. A baliza, en cambio, actívase coa man desde a ventá e colócase sobre o teito imantada.

O éxito… sen facerse ricos

"A xente pensa que somos millonarios", chancean. A realidade é que a baliza non se pode patentar como invento, polo que hai xa máis de 250 fabricantes homologados. Eles conservan o deseño e a marca Help Flash, pero o mercado é amplo e competitivo.

Na actualidade producen 600.000 unidades ao mes nunha fábrica en Zaragoza. E, malia a alta demanda, ven "imposíbel" que os máis de 30 millóns de vehículos do Estado dispoñan dunha baliza antes do remate do ano. Agardan que en 2026 o mercado se estabilice.

Cren, aliás, que outros países da UE acabarán adoptando unha normativa similar. O Estado español, din, está a ser "pioneiro" en obrigar a ter un dispositivo conectado para mellorar a seguridade viaria.