Covid: a taxa de incidencia na Galiza xa supera a media do Estado: 221,85 casos por 100.000 habitantes

Cribado con tests de antíxenos no pavillón O Aguillón da Rúa de Valdeorras nunha imaxe de arquivo. (Foto: Xunta da Galiza).

Repuntan a 780 os novos contaxios de Covid-19 rexistrados en 24 horas.

A incidencia da Covid-19 segue en aumento na Galiza, que rexistra 6.495 casos activos despois de repuntar a 780 os novos contaxios rexistrados deste coronavirus que manteñen 187 persoas hospitalizadas -18 máis que a xornada anterior-, 32 delas en UCI. 

Segundo os datos publicados na mañá desta quinta feira pola Consellaría de Sanidade con rexistros até as 18 horas desta cuarta, aumentan a 32 as persoas ingresadas en UCI pola Covid-19 en Galiza -dúas mái-- e a 155 as hospitalizadas noutras unidades -16 máis-, mentres que 6.308 pacientes permanecen en seguimento no seu domicilio.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria aumenta en cinco das sete, mentres que se alivia na da Coruña e Cee e mantense sen cambios na de Santiago e Barbanza.

As infeccións activas increméntanse de novo nas sete áreas sanitarias galegas, coa de Vigo á cabeza (+189)

Os casos activos de Covid-19 seguen en aumento e alcanzan no conxunto de Galiza os 6.495, que supoñen 522 máis que a xornada anterior, ao haber máis contaxios (780) que altas (256), ao que se suman dous falecementos. A quinta feira anterior -25 de novembro- había 3.573 infeccións activas.

As infeccións activas increméntanse de novo nas sete áreas sanitarias galegas, coa de Vigo á cabeza (+189), seguida da de Ourense (+137), Pontevedra e O Salnés (+75); A Coruña e Cee (+73); Lugo (+25); Santiago e Barbanza (+15) e Ferrol (+8).

Segundo os últimos datos actualizados na tarde desta cuarta feira polo Ministerio de Sanidade, Galiza conta cunha taxa a 14 días de 221,85 casos por 100.000 habitantes -a xornada pasada estaba en 203,97-, polo que supera a media do Estado, que está en 217,10.

Os novos contaxios de Covid-19 repuntaron a 780 en Galiza, que implican 76 máis que os 704 da xornada anterior, após subir a 494 a terza feira e iniciar esta semana con 415.

En canto á taxa de positividade das probas PCR -número de infeccións detectadas cada 100 test-, aumenta ao 8,54%, tras ascender ao 7,7% a cuarta feira. ASí pois, continúa por encima do limiar do 5% que fixa a Organización Mundial da Saúde (OMS) para dar por controlada a pandemia.

As persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 desde o inicio desta pandemia aumentan a 2.673, ao notificar esta cuarta feira a Consellaría de Sanidade dúas novas vítimas. En concreto, Sanidade informou que faleceron un home de 91 anos no Hospital de Verín e unha muller de 81 no Complexo Hospitalario de Pontevedra (CHOP). Ambos tiñan patoloxías previas.