Covid: Detectan 12 novos casos nunha residencia de Vilaboa

Un momento da comparecencia sobre as residencias de maiores no Parlamento. (Foto: Europa Press)

O número de usuarias e usuarios dos xeriátricos está nos 337. As infraestruturas cos peores gromos seguen a ser a Doral de Mos, a Ballesol de Vigo, a DomusVi de Ribadumia e os centros de Salvaterra de Miño e San Cibrao.

Aliás os centros educativos, as residencias de maiores están baixo unha especial vixilancia das autoridades sanitarias dado os surtos que xorden de forma periódica. Na actualidade hai 337 usuarias (tres máis que onte) que son positivo e 226 traballadoras após a detección de 14 novas enfermas nunha residencia do municipio de Vilaboa.

A Xunta informou hoxe de que, con respecto á terza feira, houbo 21 baixas por dar negativo nas novas probas PCR e 15 positivos, polo que o cómputo global só variou en seis persoas. O máis destacábel da xornada foi o contaxio de 10 residentes e dúas empregadas dun xeriátrico de Vilaboa.

Polo de agora, os 337 casos de infección en maiores distribúense en 29 residencias de todo o territorio galego. Malia o incremento do día, o maior número de doentes están na Doral de Mos (96); na Domusvi de Ribadumia (45) e na Ballesol de Vigo (41).

En Salvaterra de Miño, unha infraestrutura con denuncias especialmente duras, hai 19 pacientes e en San Cibrao 23, entre as e os residentes.

No caso dos cadros de persoal, estes están reducidos pola baixa de 226 infectadas. Porén, non é a mesma situación en todos os lugares.

Novamente a peor parada é a Doral de Mos (36), seguida de preto polas estatísticas de Nosa Señora dos Miragres de Barbadás (30) e da DomusVi Ribadumia (27 casos activos).

Ao sumar os datos de usuarias e operarias e operarios enfermos a realidade é esta: en Mos, na residencia Doral, quedan 132 doentes; na Ballesol de Vigo son 53 afectados; en DomusVi Ribadumia o virus mantén contaxiadas a 42 persoas; e tanto en Salvaterra de Miño como en San Cibrao (Cervo) continúan con síntomas ou PCR positiva 36 membros das comunidades residenciais.