Covid: Detectado en Vigo o primeiro caso da variante sudafricana no Estado español

Un sanitario prepara unha vacina da Covid-19. (Foto: Dominic Lipinski / PA Wire / Dpa)
Fontes do Servizo de Saúde aclaran que o contaxiado era un varón de 30 anos que viaxou a Sudáfrica por motivos laborais relacionados co sector naval.

O Sergas vén de confirmar que un paciente da área sanitaria de Vigo, un home que foi dado de alta e non precisou ingreso no hospital, padeceu a variante africana da enfermidade. É decir, foi a primeira persoa do Estado español en contraer esta nova cepa da Covid-19.

Esta variedade -que saltou aos medios en paralelo á cepa británica-, coñecida como B.1.351 clado 20C/501Y.V2, detectouse nos exames médicos a un varón de 30 anos relacionado coa industria naval. 

O doente tiña viaxado a Sudáfrica por motivos laborais e foi cando regresou á casa cando notou síntomas compatíbeis co virus e, máis en concreto, con esta cepa da pandemia.

Segundo a Consellaría de Sanidade, os servizos de Medicina Preventiva e Microbioloxía do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo comezaron o protocolo previsto para secuenciar o coronavirus nos laboratorios do Meixeoiro. Aló pódense facer secuencias de 36 mostras semanais.

Foi o 5 de xaneiro cando se confirmou que se trataba dun contaxio coa variante sudafricana, pero non se fixo público até agora.  No entanto, no momento informouse ao rexistro internacional GISAID.

O xefe do Servizo de Microbioloxía, Benito Requeiro, subliñou que a capacidade do sistema sanitario do país para realizar análises permitiu unha "correcta identificación" e un "mellor control epidemiolóxico", pois agora sábese unha das posíbeis vías de entrada na Galiza.

"Será preciso realizar unha vixilancia especial nos portos e na chegada de viaxeiros a través das nosas fronteiras", concretou o experto.