A Covid atópase nunha situación de "estabilidade e descenso" na Galiza

Aglomeración en Vilagarcía de Arousa o 31 de decembro de 2022 para celebrar de forma anticipada a chegada de 2023 (Foto: César Arxina / Europa Press).
A Consellaría de Sanidade notificou onte seis novas mortes relacionadas coa Covid na Galiza, rexistradas entre o día 30 decembro e o 1 de xaneiro. Desde o inicio da pandemia son xa 4.021 o número de persoas falecidas con coronavirus SARS-CoV-2.

O reconto de mortes, casos activos e hospitalizacións continúa na Galiza e a nivel global malia que a Covid deixou atrás a súa fase máis perigosa. A Organización Mundial da Saúde apuntou a mediados de decembro o seu desexo de declarar "nalgún momento de 2023" a fin da emerxencia sanitaria para unha doenza respiratoria que aínda se resiste a prescindir da denominación de pandemia.

A evolución da doenza na China espertou vellas pantasmas e reactivou medidas "estéticas" controvertidas xa no seu momento, como o certificado Covid ou o control de pasaxeiros. Se o que se busca é controlar a transmisión, non son eficaces, insiste a comunidade científica. O que cómpre é manter ou reforzar a vixilancia epidemiolóxica co fin de detectar a aparición de novas variantes, distintas á que están a circular neste momento.

Neste sentido, o Centro Europeo para o Control e a Prevención de Enfermidades (ECDC, polas súas siglas en inglés), descartou onte que o aumento de casos de Covid en China vaia a afectar á situación epidemiolóxica en Europa, debido á alta inmunidade da poboación europea e a que "as variantes que circulan en China -derivadas de Ómicron- xa circulan na UE".

Novas subvariantes

"A situación de China esixe unha atención especial, pois que de súpeto se expoñan ao virus millóns e millóns de persoas sen inmunidade é algo que non ocorreu en toda a pandemia". A poboación chinesa é "practicamente virxe" á Covid, explica a Nós Diario Juan Gestal, profesor emérito de Medicina Preventiva e Saúde Pública. "Poucos sufriron a infección. Os maiores e os máis vulnerábeis non están vacinados, e os que o están recibiron unha ou dúas doses dunha vacina inactivada, cuxa eficacia protectora é moi baixa". 

"Non sabemos ben o que está ocorrendo, pero a vaga que están a sufrir parece provocada pola subliñaxe BF.7, derivada da BA.5, cun período de incubación máis curto, maior escape inmune, maior frecuencia de asintomáticos, maior transmisibilidade, pero non máis grave".

A BF.7 circula entre nós (representa 5,7% dos casos), nos EUA e noutros países occidentais sen que polo momento xerase problema algún, advirte. Gestal. A preocupación débese ao medo de que "tan alta transmisión, nunha poboación con apenas inmunidade, poida xerar novas variantes que nos afecten. Como virus RNA, cada vez que o SARS-CoV-2 se replica comete erros que poden dar lugar a mutacións. Canto máis se replique máis posibilidades hai de que aparezan novas variantes ou subvariantes".

É o caso da XBB e XBB.1.5 "recombinantes da liñaxe BA.2", que están cobrando forza nos EUA. Xurdiron a mediados de novembro e xa son dominantes (75%) en Estados como Nova Inglaterra, Nova Jersey e Nova York. "Son máis eficientes para infectar as persoas e transmitirse, pero ao parecer non causan unha enfermidade máis grave". De feito, engade Gestal,  "ao longo da pandemia vimos moitas variantes, e nos últimos tempos liñaxes e subliñaxes que parecían que ían ocasionar outra vaga e quedaron en nada".

Estabilidade

Na Galiza, conclúe o experto en epidemioloxía, a Covid atópase nunha situación de "estabilidade e descenso". Sanidade informou onte dunha baixada dos casos activos (1.829) e dun incremento das hospitalizacións (234) con nove pacientes en UCI.

"Ao meu xuízo, estamos na pospandemia. Este outono non apareceu ningunha variante, liñaxe ou subliñase que se fixese dominante nin ocasionase unha nova vaga, permitindo que outros virus respiratorios circulasen. Isto indícanos un debilitamento do virus pandémico, que se está a facer endémico".

Con todo, segue a circular e a ocasionar mortes, polo que chama a continuar "coa vixilancia epidemiolóxica, coa secuenciación do virus e coa protección dos vulnerábeis mediante a terceira e cuarta doses da vacina".  "É moi difícil ir por diante do virus, que nos ten enganado moitas veces ao longo da pandemia", mais é imprescindíbel  "para seguir dando pasos firmes