Covid-19: 451 casos activos e menos de 40 persoas hospitalizadas

Un home recibe a vacina contra a Covid-19 (Foto: Arxina).
Todos os indicadores da pandemia descenden unha xornada máis no conxunto da Galiza.

Segundo o último informe publicado pola Consellaría de Sanidade, con datos recadados até as 18 horas da sexta feira, os casos activos volven minguar na Galiza até os 451 (21 menos que na xornada anterior).

Por áreas sanitarias, A Coruña-Cee segue á cabeza con 147 (-6), seguida de Vigo, con 80 (-7); Compostela-O Barbanza, con 73 (-1); Ourense-Verín-O Barco, con 65 (-6); Lugo-A Mariña-Monforte, con 46 (-5); Pontevedra-O Salnés, con 28 (-1), e Ferrol, con 12 (+1).

Aliás, os novos contaxios caen a 28 (-10), e a taxa de positividade fica por baixo de 1%.

No que atinxe a presión hospitalaria, os internamentos nas unidades de críticos fican en sete (sen cambios), mentres en planta hai outras 27 persoas doentes (-4).

Desde o inicio da pandemia faleceron diagnosticadas coa Covid-19 2.646 galegas e galegos.

Campaña de vacinación

Así as cousas, hoxe contan coa pauta completa da vacina un total de 2.284.538 persoas no país, isto é, 93,08% da poboación maior de 12 anos e 84,61% do total.