O Courel e Valdeorras recibirán axudas polos incendios de 2022

Unha persoa axuda a apagar o fogo que arrasou Folgoso do Courel o pasado verán. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
79.000 euros para reparación de infraestruturas.

Seis meses despois de que o lume arrasara gran parte do territorio galego, a Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda publicou esta quinta feira as axudas da Xunta da Galiza a catro concellos e dúas comunidades veciñais polos incendios de xullo de 2022.

En concreto, o Diario Oficial da Galiza (DOG) publicou a resolución da Dirección Xeral de Patrimonio Natural polo que se recollen os beneficiarios das subvencións concedidas en virtude da orde de xullo do ano pasado na que se estabelecían as bases reguladoras e a convocatoria de axudas para a reparación de danos causados polos incendios.

As axudas están destinadas a titulares de infraestruturas de uso público de medio natural dentro da rede galega de espazos protexidos e reservas da biosfera afectadas polos incendios.

A finalidade do texto é outorgar axudas específicas para sufragar os gastos derivados das actuacións levadas a cabo para a reposición ou reparación das infraestruturas de uso público do medio natural. Arredor de 79.000 euros a repartiranse entre Folgoso do Courel, A Pobra do Brollón, Quiroga e Vilariño de Conso, e entre as comunidades de montes en man común de Vilar (Folgoso do Courel) e Salcedo e Bairán (A Pobra do Brollón).

Modificación da lei de benestar animal

A Consellaría de Medio Ambiente anunciou tamén esta quinta feira a reforma da Lei de protección e benestar animal da Galiza que recolle o deber de identificar os animais atopados falecidos na vía pública e notificar o seu deceso ás persoas que figuren como responsábeis no Rexistro Galego de Animais de Compañía.