MARCOS CELEIRO, PRESIDENTE DA ASOCIACIóN O IRíBIO

"Desde a súa chegada a Triacastela, Cementos Cosmos goberna o concello"

Marcos Celeiro

Celeiro, presidente da Asociación O Iríbio, foi demandado por Cementos Cosmos, propietaria da canteira de Vila Vella situada acarón da Cova de Eirós. A cementeira acúsao dun suposto delito contra a súa "honra".

 

Por que te denuncia Cementos Cosmos?
Para meter medo e desmobilizar a oposición que ten en Triacastela a súa mina. Tecnicamente, por delitos á súa honra e publicacións que teño feito no Facebook, novas que teño divulgado no Twitter e un vídeo que teño deles traballando e que subín ao Youtube. Ademais, interpuxen unha denuncia, que finalmente foi arquivada, e que din que é falsa. Por todo isto non me piden que retire os comentarios que coidan ofensivos mais si que pida desculpas e unha indemnización de 45 mil euros que debería dar a unha entidade sen ánimo de lucro. Vendo a denuncia tentan subir as costas do xuízo ao máximo e darme un "escarmento" económico. 

Hai máis persoas denunciadas?
Esta é persoal, contra min. Porén, por outros temas tamén están a denunciar a máis persoas que se opoñen á mina. A cada quen vanlle por onde poden. Hai outros dous veciños denunciados e perto de 30 persoas ás que lles chegaron buro-faxes previos a unha denuncia. A xente está a coller medo polas denuncias e os custes económicos que lles puideran carrexar. 

"Hai outros dous veciños denunciados e perto de 30 persoas ás que lles chegaron buro-faxes previos a unha denuncia"

Cal é a túa defensa perante esta denuncia?
Desmóntolles os seus argumentos. Non teñen fundamento. Afirmar que a canteira na que están a traballar non conta con licenza urbanística non é unha mentira. Algunhas outras cuestións refírense a opinións miñas expresadas baixo o dereito á liberdade de expresión. Divulgar as informacións que saen nos medios non é faltar á verdade nen á honra de Cementos Cosmos. Doutra banda, nunca ataquei a empresa --din que lles estou a causar perdas potenciais e que clientes deles deixan de selo-porén non critiquei os seus produtos ou servizos mais si a súa situación de ilegalidade, así como a destrución e pouco respecto cara ao medio ambiente. 

Cal é a situación actual da canteira de Vila Vella?
Facendo un pequeno percorrido cronolóxico, esta canteira chegou aquí nos anos '70 a partir dun proceso de expropiacións forzosas. Trátase dunha canteira de caliza para suministrar material á factoría de Cementos Cosmos no Oural. En tempos de Franco non se controlaba nada e outorgáronlles o permiso de explotación cunha cláusula que lles concedía un ano para o executaren. Non o fixeron porque non tiñan proxecto. O ano seguinte iniciaron falsas expropiacións argüíndo que contaban cun segundo permiso. É un bocadiño lioso mais presionaron a veciñanza para se apropiaren das terras por un prezo inferior ao que lles correspondía. A partir de 1978 comezaron a edificar as instalacións da canteira. Todo sen permisos, só tiñan a propiedade dos terreos. Esta situación irregular mantívose até os anos '90 cando solicitaron a autorización de extracción mineira e, embora non cumprir os requerimentos, conseguírona. En 2005 solicitaron unha reclasificación de recursos que muda a autorización de explotación por unha concesión mineira. É dicir, teñen dereito de expropiación forzosa sobre un ámbito maior que se extende por volta de 11 cuadrículas mineiras. En 2005 houbo unha forte oposición veciñal pois fican 5 aldeas dentro dese perímetro. Poderían expropiarnos as casas. Presentamos alegacións e en 2012 enterámonos que lles foran concedidas sen exposición pública nen nada. De novo comezou a mobilización.

"En setembro de 2013 conseguimos que se paralizase a actividade por careceren de licenza municipal. Mais após solicitárena, concedéronllela en agosto de 2014"

Pedimos a súa anulación. Desde aquela pelexamos contra Cementos Cosmos pois o conflito é maior. Mercaron monte comunal ao concello, cando se supón que este é imprescritíbel e inembargábel. Hai veciñanza que ten que percorrer 14 km. para ir até as súas terras porque desfixeron vias públicas, aliás soubemos que Cosmos adquiriu unha concesión de augas sobre o Río Teixido o que lles quita a auga aos regantes. Hai uns meses notificóusenos que tiñamos que deixar de regar porque esa auga pertencía a Cementos Cosmos. Todo isto aconteceu ás agochadas. En setembro de 2013 conseguimos que se paralizase a actividade por careceren de licenza municipal. Mais após solicitárena, concedéronllela en agosto de 2014. Está recorrida. Mais mentres non podemos acudir a un tribunal contencioso, a maquinaria continúa a traballar. 

Durante este tempo descubriuse a Cova de Eirós...
Acháronse restos paleontolóxicos bastante importantes, restos arqueolóxicos e, finalmente, as pinturas rupestres. Cosmos continúa a traballar xusto enriba da cova. Neste senso, coidamos que 2/3 da vertical da cova están explanados. Hai unha bancada que foi rebaixada e iso está a deteriorar as pinturas porque se filtra a auga. Antes desta excavación había máis de 60 metros de rocha por riba da cova. Ese monte foi retirado. As filtracións de auga esvaran polas paredes. Sospeitamos que isto é intencionada. É dicir, segundo os arqueólogos hai 94 gravados e pinturas, que de ser destruídas reducirían o valor patrimonial da cova. 

"Segundo os arqueólogos hai 94 gravados e pinturas, que de ser destruídas reducirían o valor patrimonial da cova"

A equipa arqueolóxica continúa os traballos?
Este ano tivo só media campaña, quince días en agosto. Recortáronlles o orzamento. A Cova é propiedade privada de Cementos Cosmos. A empresa financia parte da excavación. Isto condiciona, sen dúbida, a opinión dos arqueólogos a respeito do estado dos restos e o seu posicionamento no conflito. 

A cova está catalogada como BIC?
Solicitamos desde a Asociación O Iríbio a súa declaración e volvimos facelo conxuntamente con Adega. O Pleno da Deputación de Lugo tamén o solicitou por unanimidade, mais nunca obtivemos resposta. Agora sabemos que segundo a lei estatal de Patrimonio a existencia de pinturas rupestres exixe a declaración automática de BIC. Mais non existe. Estamos nunha situación de ambigüidade, non se sabe se o é ou non, mais entrementres Cementos Cosmos continúa a traballar como se non o for. 

Resulta un tanto paradóxico que a cova sexa propiedade dunha cementeira.
Bon, o que acontece é que aquí hai unha corrupción total. Patrimonio, desde que se desenvolveron as primeiras excavacións paleontolóxicas --atopáronse restos de animais do Cuaternario-- pola información e documentación que recibimos mantén unha coordinación coa cementeira e só lles exixiu pór unha cancela na entrada para impedir o acceso. Non existe ningún grao de protección expresa. Na licenza que lle foi concedida en agosto deste ano, Cosmos precisaba un informe favorábel de Patrimonio que recollía un conxunto de medidas correctoras ridículas. Unha liña de protección de 50 metros da Cova, mais desde aí poden colocar explosivos para extraer a caliza. De feito, hai dúas semanas puxeron unha carga a escasos 60 metros da cova. Tamén lles permite traballar por riba xerando as filtracións. Embora ser obrigatorio un plan de conservación e un seguimento dos traballos, aquí nunca houbo unha inspección malia o solicitarmos en repetidas ocasións. 

"Desde a chegada de Cosmos a Triacastela, Cementos Cosmos goberna o concello"

Cal é o papel do Concello de Triacastela e da Xunta?
Todos os gobernos municipais, independentemente do partido, están ao servizo de Cosmos. Un dos comentarios polos que me puxeron a demanda é por afirmar que desde a chegada de Cosmos goberna Cementos Cosmos o concello. Esta é unha opinión subxectiva, mais é así. Triacastela non ten Planeamento urbanístico porque a Cementos Cosmos non lle interesa, non amplía a Rede Natura porque tampouco lle interesa, a delimitación do Camiño de Santiago foi mudada a instancias do Concello de Triacastela para retirar un tramo que pasa próximo á súa canteira. O representante da empresa está constantemente nas oficinas do concello, semella que gobernase el. A alcaldesa é unha hipócrita. Desde a asociación levamos anos solicitando ás corporacións municipais, a posta en valor desta cova e a construción dun museo ou centro da prehistoria. Nunca o fixeron. Gástanse barbaridades na Cidade da Cultura e aquí, nada de nada. Algúns dos restos que se extraen da cova están en paradoiro descoñecido e outros deslocáronse a nun instituto alemán polo seu alto valor e importancia. Están levando todo e destruíndo o que hai. 

"Pensemos que a 50 metros das Covas de Altamira houber unha mina a ceo aberto. É inconcebíbel"

Credes que isto pasaría noutro sitio?
Non se concibe. Triacastela é esencialmente agraria e ao pasar o Camiño de Santiago o turismo é unha actividade dun grande impacto económico. Os peregrinos alucinan simplemente con ver a canteira desde o camiño. Se aínda por riba --que non o saben-- xusto embaixo hai unha cova como a de Eirós... A imaxe que dá que se permita un buraco de 105 hectáreas na contorna dun xacemento arqueolóxico así... Isto non acontece en ningún lugar. Pensemos que a 50 metros das Covas de Altamira houber unha mina a ceo aberto. É inconcebíbel. 

Para alén da campaña que iniciastes para procurar apoios perante a túa denuncia, tedes programada algunha outra acción?
Estamos preparando máis accións xurídicas mais está un pouco paralizadas por mor desta demanda que ten os seus propios prazos. Para alén disto, estamos a organizar un acto poético e mesmo un libro. É unha iniciativa semellante aos Versos contra o cianuro de Corcoesto. Aliás, a Asociación Sociocultural O Iríbio, integrada en ContraMINAcción, desenvolveremos unhas xornadas sobre megaminaría en Lugo o vindeiro 8 de novembro.