A Coruña deberá pagar ao Porto 1,6 millóns pola urbanización do Parrote

Vista do Parrote, na Coruña.
Un xulgado da Coruña considera que o Concello modificou o acordo orixinal e prometeu pagar os gastos da obra.

O Xulgado do Contencioso-Administrativo número 4 condenou ao Concello da Coruña a pagar á Autoridade Portuaria da Coruña 1.605.244 euros correspondentes á urbanización do Parrote.

Segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), a sentenza explica que a entidade portuaria e o Concello acordaron no 2012 (co PP no goberno municipal) modificar e ampliar a urbanización da superficie do Parrote.

No primeiro acordo as obras da superficie que Copasa -a concesionaria dos traballos para o túnel e o estacionamento- consistían só na substitución das beirarrúas existentes. O xuíz di que a administración local prometeu "pagar os gastos da obra, dentro da cantidade que se acordara".

"O Concello, na segunda addenda engadida ao acordo, aprobou a redefinición da superficie e a variación das obras a executar para que formasen unha unidade de superficie coa Mariña, a Porta Real e o acceso aos peiraos transatlánticos, asumindo a gasto que supuxo", argumenta a sentenza, contra a que cabe recurso.