A Corte Suprema británica desbota a última opción para cobrar os 855 millóns de compensación polo 'Prestige'
O máximo órgano xudicial do Reino Unido rexeita o permiso para recorrer e lograr unha reparación polos danos causados polo petroleiro.
Denegado. A Corte Suprema británica rexeita a última opción para cobrar os 855 millóns de compensación polo Prestige. Nega calquera posibilidade de apelación e mesmo refusa tramitar o recurso de España para exixir á aseguradora londiniense o pago dunha indemnización polo accidente do petroleiro en 2002.
O recurso presentado o pasado 18 de febreiro foi examinado polos maxistrados David Lloyd Jones, George Andrew Midsomer Leggatt e Ingrid Ann Simler. O 2 de maio tomaron a decisión de rexeitar o recurso e o día 7 rexistraron a súa resolución na páxina web da Corte Suprema, comunicando que non conceden ningún permiso para apelar.
Previamente, o Tribunal de Apelación de Londres rexeitou o pasado mes de decembro un recurso do Estado español para executar no Reino Unido unha sentenza da Audiencia da Coruña que obrigaba a aseguradora do Prestige a pagar 885 millóns de euros pola marea negra acontecida polo seu afundimento en novembro de 2022.
Desa forma, a corte apoio a decisión tomada en 2023 polo maxistrado Christopher Butcher do alto tribunal británico que determinou que a sentenza provincial non podía inscribirse na xurisdición do Reino Unido. A resolución da Audiencia Provincial da Coruña consideraba que a London Steam-Ship Owners Mutual Insurance Association Limited era responsábel de indemnizar o Estado español pola vertedura de combustíbel nas costas galegas.