Unha corta forestal destrúe parte da Vía Romana XIX no Porriño
Dos 270 metros, 140 foron arrasados polos traballos forestais da comunidade de montes de Pontellas.
Unha recente tala de piñeiros no monte veciñal de Pontellas, no Porriño (comarca de Vigo), arrasou parte dun dos tramos mellor conservados da histórica Vía Romana XIX, que conectaba Bracara Augusta (Braga) con Asturica Augusta (Astorga) pasando por Lucus Augusti (Lugo).
Segundo denunciou Miguel Trigo na súa conta da rede social X, a intervención afectou unha área de aproximadamente 21 hectáreas nos montes de Ratapán, Centeáns e Sisto, dentro da Zona Especial de Conservación (ZEC) Gándaras de Budiño.
Trigo alertou da destrución dun terraplén romano de gran valor histórico e pedagóxico. Segundo Trigo, a corta afectou notabelmente un agger (terraplén ou lomba) que se conservaba na zona. Esta estrutura, “dos mellores de todo o val de Louro, supoñen u notábel e pedagóxio exemplo das avanzadas técnicas de construción empregadas polos enxeñeiros romanos nas vías interurbanas”.
Trátase dunha estrutura de cimentación de pedras grosas e varias capas de firme de cantos angulosos de cuarcita e seixo —extraídos de canteiras próximas— con granulometría decrecente, explica Miguel Trigo, conformando un terraplén de sección trapezoidal con base de 12 metros e altura de até 1,2 metros.
Dos 270 metros deste tramo, “140 metros foron arrasados pola corta forestal”. Ademais, Trigo sinala que a Xunta da Galiza xa realizara recentemente obras de acondicionamento do Camiño Portugués de Santiago na zona, danando levemente a parte sur do tramo da vía romana sen que os técnicos identificaran os restos arqueolóxicos.
A comunidade de montes de Pontellas comunicou que se prevén futuras cortas na área, o que podería afectar irremediabelmente os restos que quedan da Vía Romana XIX. Trigo insta a estabelecer medidas de protección efectivas para evitar a desaparición deste patrimonio histórico.
Este incidente pon de manifesto a necesidade dunha maior coordinación entre as actividades forestais e a conservación do patrimonio cultural e natural.