‘El Correo Gallego’ creba e entra en fase de liquidación

el correo

Editorial Compostela, empresa propietaria da histórica cabeceira ‘El Correo Gallego’ solicitou a entrada en concurso de acredores, así como a apertura da fase de liquidación. Unha estratexia vinculada a unha oferta de compra.

Após anos de grave crise, Editorial Compostela, propietaria da cabeceira El Correo Gallego, solicitou a entrada en concurso de acredores e mais a apertura da fase de liquidación. Unha operación vinculada, segundo puido saber Nós Diario, a unha oferta de compra por parte dun empresario galego.

Segundo o auto publicado esta quinta feira, e contra o que cabe recurso, o Xulgado do Mercantil número 2 da Coruña o encargado de declarar en concurso de acredores a empresa, a petición desta, debido ao seu estado de insolvencia. Será agora a administración concursal, nomeada pola xuíza, a encargada de continuar todo o proceso.

Os acredores deberán comunicar á administración concursal a existencia dos créditos no prazo dun mes.

Tamén a petición da empresa, o xulgado decretou a apertura da fase de liquidación, de maneira que suspendeu a capacidade de administración e disposición de Editorial Compostela sobre o seu patrimonio.

Na mesma liña, acordou a disolución da empresa e o cesamento dos administradores sociais, que son substituídos polos administradores concursais, que deberán “incluír necesariamente o inventario da masa activa do concurso e avaliar o efecto sobre as masas activa e pasiva do concurso da resolución dos contratos que estivese prevista no plan de liquidación”.

Operación de compra

O auto polo cal se abre a fase de liquidación manifesta que “a solicitante achega proposta escrita vinculante de adquisición da unidade produtiva en funcionamento”. Fontes próximas á operación trasladaron a Nós Diario que se trata dun empresario galego.

O grupo, con problemas económicos desde hai anos, é tamén propietario de Radio Obradoiro e foi quen editou a cabeceira Galicia Hoxe, na práctica, réplica en galego de El Correo Gallego. No seu día, explotaba a canle de televisión Correo TV e era o organizador do premio 'Gallegos del año', dos que era asiduo participante o ex presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo.