Coronavirus Galiza: Baixan de 13.000 os casos activos

Negocio de hostalaría coa normativa durante a pandemia. (Foto: Arxina)
As vítimas da pandemia pola Covid-19 na Galiza ascenden a 3.432, despois de que a Consellaría de Sanidade notificase tres novos falecementos.

Os pacientes hospitalizados pola Covid-19 na Galiza aumentaron este domingo a 694, 61 máis que o sábado, mentres que os casos activos descenden a 12.974. Pola súa parte, a taxa de positividade baixou a 29%.

Segundo os datos actualizados esta segunda feira pola Consellaría de  Sanidade, con rexistros até as 18 horas do domingo, desde o sábado aumentaron a 26 as persoas hospitalizadas en UCI e a 668 as ingresadas en unidades convencionais, mentres que 12.280 pacientes permanecen en seguimento no seu domicilio. 

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria aumentou nas sete, en especial na de Lugo, que é a única sen ingresados pola Covid en UCI, mentres rexistra 73 hospitalizados noutras unidades (23 máis).

Na da Coruña e Cee, aínda que descenden a 11 os pacientes en críticos (un menos), aumentan a 162 os ingresados noutras unidades (10 máis); mentres que na de Vigo soben a tres os que se atopan en UCI (un máis) e a 94 os doutras unidades (sete máis).

Na área de Ferrol mantéñense tres ingresados en UCI e aumentan a 61 os hospitalizados noutras unidades (nove máis); mentres que na de Santiago e Barbanza segue un en críticos e ascenden a 98 os doutras unidades (cinco máis).

Na área sanitaria de Ourense mantéñense catro pacientes  Covid en UCI e aumentan a 108 os doutras unidades (catro máis); mentres que na de Pontevedra e O Salnés soben a catro os críticos (un máis) e a 72 os pacientes noutras unidades (dúas máis).

Descenso dos casos activos

Os casos activos mantéñense á baixa desde o pasado sábado e sitúanse en 12.974. O descenso é xeneralizado nas sete áreas sanitarias, coa da Coruña e Cee á fronte (-388), seguida da de Vigo (-366), Lugo (-361), Ourense (-328), Santiago e Barbanza (-300), Pontevedra e O Salnés (-160) e Ferrol (-150).

Desta maneira, con máis infeccións activas mantense a área da Coruña e Cee, con 2.678; seguida da de Vigo, con 2.319; Santiago e Barbanza, con 2.093; Ourense, con 1.729; Lugo, con 1.639; Pontevedra e O Salnés, con 1.448 e á cola segue a de Ferrol, con 1.055.

Segundo o último informe actualizado polo Ministerio de Sanidade esta pasada sexta feira, 13 de maio, adaptado ao novo sistema de vixilancia da Covid-19 centrado en poboación vulnerábel, a incidencia acumulada a 14 días na Galiza en maiores de 60 anos baixou a 1.251,12 casos por 100.000 habitantes, mentres que a media estatal subiu a 856,56.

En concreto, a incidencia no grupo de idade de 60 a 69 anos descendeu a 14 días a 1.089,93 casos por 100.000 habitantes; no de 70 a 79 anos a 1.224; e no de maiores de 80 anos reduciuse a 1.524,94.

Novos contaxios

Esta semana comeza con 502 novos casos de Covid nas últimas 24 horas tras rexistrarse 1.243 novos contaxios desde o sábado. 

Por tanto, os contaxiados ascenden na Galiza até 605.147, dos que 137.100 corresponden á área de Vigo; 125.297 á da Coruña e Cee; 95.927, á de Santiago e Barbanza; 73.482 á de Ourense; 69.189, á de Pontevedra e O Salnés; 66.479 á de Lugo; e 36.803, á de Ferrol.

Esta fin de semana pasada realizáronse 2.531 PCR, 3.883.048 feitas desde o inicio desta pandemia, e 2.685 test de  antígenos, 1.737.011 en total.

Tres novos falecementos

As vítimas da pandemia pola Covid-19 na Galiza ascenden a 3.432, despois de que a Consellaría de Sanidade notificase tres novos falecementos.

Pola súa parte, 588.803 persoas curáronse da Covid-19 desde o inicio da pandemia, tras recibir o alta desde o sábado outras 3.294 persoas.