Coronavirus Galiza: A Xunta ficha 86 sanitarias xubiladas para reforzar a Atención Primaria

O conselleiro de Sanidade e outros responsábeis do departamento asistiron de forma virtual ao pleno do CISNS. (Foto: Conchi Paz / Xunta da Galiza) #sanidade #sergas #médicos #covid19

A Consellaría de Sanidade asegurou que un total de 86 profesionais da medicina amosaron o seu interese por reincorporarse ao traballo de forma temporal polo incremento de necesidades derivadas da Covid-19.

Ante o colapso da Atención Primaria en plena sexta onda do coronavirus, o Servizo Galego de Saúde (Sergas) vai recuperar para este servizo a 86 médicas xubiladas que reforzarán os cadros de persoal nalgúns centros de saúde.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, explicou que foi o número de profesionais que se interesaron por volver ao traballo após a chamada da Xunta para pedir axuda debido á maior demanda de sanitarios polo incremento dos contaxios da Covid-19.

De feito, ese colapso pódese ver de forma directa na área sanitaria de Vigo, pois o persoal sanitario deberá "descitar" toda a actividade programada que sexa "demorábel", bloquear os ocos dispoñíbeis e atender só a consulta urxente e a relacionada co virus.

García Comesaña explicou, após participar na reunión do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde (CISNS) sobre o volta ás escolas e institutos, que estas fixaches estarán reforzando ao persoal en labores administrativos e de vixilancia

Aliás, concretou que nove deses candidatos estarán na demarcación de Compostela e O Barbanza, outros 13 en Lugo e 14 atenderán encargos en Pontevedra e no Salnés.

Vigo será a zona cun maior reforzo, ao reincorporar 20 especialistas e na Coruña e Cee haberá 19 a maiores. Por último, contratáronse seis doutores retirados en Ourense, Verín e O Barco e cinco na comarca de Ferrol.

En todo caso, o representante da Xunta quixo deixar claro que non van facer “atención presencial a pacientes”, senón que estarán centrados na teleasistencia e chamadas aos novos positivos.

Mesmo pode entnderse como certo reforzo á subcontrata de rastrexo en mans de Abai Group, que estes días ten procesos abertos en páxinas web de contratación como Infojobs.

 "Algúns xa se poden incorporar hoxe mesmo ou mañá", destacou Comesaña, sobre as datas para que chegue máis persoal.