Coronavirus Galiza: soben os novos contaxios e os casos activos

Os casos activos repuntan levemente a 11.672. (Foto: Europa Press)

Os pacientes hospitalizados pola Covid-19 no conxunto da Galiza incrementáronse nunha vintena a respecto do día anterior ao situarse en 583.

Segundo os datos actualizados esta terza feira pola Consellaría de Sanidade, con rexistros até as 18 horas da segunda, aumentan a 15 as persoas hospitalizadas en UCI pola Covid-19 na Galiza (unha máis que na xornada anterior) e increméntanse a 568 as ingresadas en unidades convencionais (+20), mentres que 11.089 fican en seguimento no seu domicilio.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria aumenta en seis das sete e unicamente mingua na de Ourense-Verín-O Barco, na que segue un paciente ingresado pola Covid en UCI e descenden a 80 os hospitalizados noutras unidades (-2). Pola contra, na área da Coruña-Cee aumentan a cinco os pacientes en críticos pola Covid-19 (+1) e a 131 os ingresados noutras unidades (+6), mentres que na de Compostela-O Barbanza mantéñense cinco en UCI e soben a 85 os hospitalizados noutras unidades (+7).

No caso de Pontevedra-O Salnés segue un paciente Covid en UCI e aumentan a 80 os ingresados noutras unidades (+4), mentres que na de Vigo segue un en críticos e hai 92 noutras unidades (+2). Na área de Ferrol continúan dous pacientes ingresados pola Covid en UCI e aumentan a 51 os hospitalizados noutras unidades(+2), e a de Lugo-A Mariña-Monforte mantense como a única da Galiza sen críticos e rexistra 49 noutras unidades (+1).

Aumentan os casos activos

Tras o descenso dos casos activos da xornada anterior, volven aumentar segundo avanza a Semana Santa ao situarse en 11.672, que supoñen 166 máis, ao haber máis contaxios (1.206) que altas (1.032), ao que se suman oito falecementos. Con máis infeccións activas continúa a área da Coruña, con 2.190; seguida de Vigo, con 2.186; Compostela, con 1.795; Lugo, con 1.659; Ourense, con 1.469; Pontevedra, con 1.289, e Ferrol, con 1.070.

Segundo o último informe actualizado polo Ministerio de Sanidade esta pasada sexta feira, 8 de abril, adaptado ao novo sistema de vixilancia da Covid-19 centrado en poboación vulnerábel, a incidencia acumulada a 14 días no país en maiores de 60 anos sitúase en 775,53 casos por 100.000 habitantes, mentres que a media estatal baixa a 420,17.

Máis contaxios

Os novos contaxios ascenden a 1.206, que supoñen medio milleiro de novos casos abertos nas últimas 24 horas após os 698 cos que arrincou esta semana. En canto á taxa de positividade —número de PCR positivas por cada cen realizadas— aumenta a 24,8%, tras comezar esta semana en 21,57%. Así, fica por riba do 5% que marca a OMS para dar por controlada a pandemia.

Vítimas e curados

As vítimas da pandemia pola Covid-19 na Galiza aumentan a 3.262, logo de notificar Sanidade esta terza feira outros oito falecementos rexistrados en tres xornadas pasadas, todos de persoas con patoloxías previas. Mentres, 546.184 persoas curáronse da Covid-19 desde o inicio desta crise sanitaria, despois de recibir a alta outras 1.032 na última xornada no país.