Coronavirus Galiza: soben a 17.462 os casos activos mentres as hospitalizacións seguen en descenso

Espazo para facer test Covid en Monforte, nunha imaxe de arquivo (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
A Galiza volveu rexistrar un aumento dos novos contaxios de Covid-19, que superan os 1.900, así como dos casos activos, que se sitúan en 17.462, mentres que os pacientes hospitalizados por este coronavirus redúcense por baixo dos 400 até os 397.

Segundo os datos actualizados esta cuarta feira pola Consellaría de Sanidade, con rexistros até as 18 horas da terza, baixan a 30 as persoas ingresadas en UCI debido á Covid-19 na Galiza (unha menos que na xornada anterior) e a 367 as hospitalizadas en unidades convencionais (-19), mentres que 17.065 pacientes están en seguimento no seu domicilio.

Mais, fronte á tendencia descendente dos hospitalizados, os casos activos de Covid-19 aumentan por segunda xornada consecutiva no país, logo de empezar esta semana cun descenso, e ascenden a 17.462, que implican 606 máis que o día anterior, ao haber máis contaxios (1.904), que altas (1.296), ao que se suman dous óbitos.

As infeccións activas aumentan nas sete áreas sanitarias galegas, coa da Coruña e Cee á cabeza (+150), seguida da de Ourense-Verín-O Barco (+123), Compostela-O Barbanza (+94), Lugo-A Mariña-Monforte (+85), Ferrol (+64), Pontevedra-O Salnés (+52) e Vigo (+42). Por tanto, con máis infeccións activas continúa a área da Coruña, con 3.535; seguida de Vigo, con 3.124; Compostela, con 3.016; Ourense, con 2.504; Pontevedra, con 2.104; Lugo, con 2.106, e Ferrol, con 1.002.

Segundo o último informe actualizado polo Ministerio de Sanidade esta pasada terza feira, a incidencia acumulada a 14 días na Galiza aumenta a 754,3 casos por cada 100.000 habitantes, mentres que a media estatal descende a 435,5.

Máis de 1.900 novos contaxios

Os novos contaxios de Covid-19 tamén repuntan até os 1.904, que implican 136 máis que os 1.768 desta terza, logo de iniciar esta semana con 1.371. No que vai de ano, a cifra máis baixa foi de 830, a finais de febreiro. Deste modo, os contaxiados ascenden no país a 511.623, dos cales 120.245 corresponden á área de Vigo; 107.091, á da Coruña e Cee; 80.616, á de Compostela; 61.395, á de Ourense; 59.106, á de Pontevedra; 53.680 á de Lugo; e 28.835, á de Ferrol.

Esta terza leváronse a cabo 3.711 PCR, o que eleva a 3.723.637 as probas deste tipo feitas desde o inicio desta pandemia no país, e 3.745 test de antíxenos, que sitúan en 1.552.053 os levados a cabo na Galiza, o que supón 7.456 entre ambas as dúas —1.079 máis que o día previo—.

No que atinxe á taxa de positividade —número de PCR positivas por cada cen realizadas— aumentou a 11,3%, tras descender na terza a 7,73%. Por tanto, continúa por riba do 5% que marca a OMS para dar por controlada a pandemia.

3.138 falecementos

Pola súa parte, as persoas falecidas pola Covid-19 desde o inicio desta pandemia ascenden a 3.138 após notificar este mércores Sanidade outros dous óbitos, ambos os dous de persoas con patoloxías previas. Mentres, 491.076 persoas curáronse da Covid-19 desde o inicio desta crise sanitaria, despois de recibiren a alta outras 1.296 na última xornada en todo o país.