Coronavirus Galiza: seguen a aumentar os casos activos, até 14.909

Proba de antíxenos, imaxe de arquivo. (Foto: Javier Pulpo / Europa Press).
As vítimas da pandemia pola Covid-19 na Galiza aumentan a 3.316, de acordo coa información facilitada polo Sergas.

Os casos activos de Covid-19 seguen en ascenso na Galiza, cun total de 14.909, segundo datos actualizados esta sexta feira pola Consellaría de Sanidade. 

Con rexistros até as 18 horas da quinta feira, e de acordo coa información publicada polo Servizo Galego de Saúde (Sergas) recollida por Europa Press, os pacientes ingresados aumentan lixeiramente, pasando de 636 a 639. En canto á taxa de positividade, repunta até 37%.

Das persoas hospitalizadas, 623 atópanse en unidades convencionais (dúas máis), mentres que aumenta nunha persoa as que se atopan en UCI, un total de 16. Ademais, hai 14.270 pacientes en seguimento nos seus domicilios.

Hospitalizacións por áreas sanitarias

Por áreas sanitarias, na da Coruña e Cee sitúanse en catro os ingresados en UCI e en 138 os hospitalizados noutras unidades; mentres que na de Pontevedra e O Salnés están tres en críticos e 88 en planta.

Na de Santiago e Barbanza, mantéñense dous ingresados por Covid en UCI e soben lixeiramente os ingresados noutras unidades, até situarse en 91, mentres que a de Ferrol segue sen pacientes en críticos, aínda que aumentan até 74 os que están noutras unidades.

No caso de Ourense, conta con tres pacientes ingresados en UCI e outros 94 noutras plantas, mantendo o descenso das últimas xornadas. Pola súa parte, a área sanitaria de Vigo continúa con tres pacientes Covid en UCI e descenden os ingresados noutras unidades, até 85. Na de Lugo, mantéñense en 53 os ingresados en unidades convencionais e hai un en críticos.

Os casos activos seguen en aumento en todas as áreas sanitarias. Dos 14.909 contabilizados, 2.884 corresponden á da Coruña; 2.268 á de Lugo; 1.974 na de Ourense; 1.678 na de Pontevedra; 2.533 na de Vigo; 2.364 na de Santiago e 1.193 na de Ferrol.

Contaxiados e vítimas

Os contaxios por Covid ascenden na Galiza a 574.095, dos que 119.308 corresponden á área da Coruña e Cee; 34.396 á de Ferrol; 61.984 á de Lugo; 69.109 á de Ourense; 65.852 á de Pontevedra; 90.687 á de Santiago e 131.917 á de Vigo. A cifra total de curados sitúase no noso país en 555.928.

En canto ao número de probas PCR realizadas desde o inicio da pandemia, sitúase en 3.833.061 e os test de antíxenos en 1.671.525. O número de doses de vacina administradas ascende xa até as 6.636.921.

As vítimas da pandemia pola Covid-19 na Galiza aumentan a 3.316, de acordo coa información facilitada polo Sergas. Os últimos falecementos rexistrados por coronavirus, da mesma forma que nos últimos meses, presentaban patoloxías previas.