O "truco" das hospitalizacións: 40% son "con Covid", non "por Covid"

42% dos pacientes ingresados nas UCI galegas non están vacinados (Foto: Europa Press).
Catro de cada dez persoas ingresadas nas UCI da Galiza non están vacinadas. Por outra parte, 40% dos ingresos hospitalarios con Covid son por outras patoloxías e non polo coronavirus.

O presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, informou esta cuarta feira de que 40% dos ingresos hospitalarios de pacientes con Covid-19 —actualmente 48 en UCI e 597 noutras unidades— é consecuencia dunha patoloxía prevalente que non ten que ver co coronavirus, que en moitas ocasións é detectado en paralelo.

Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, que decorreu en Ferrol, o presidente aludiu a que ese 40% de ingresos non son "por Covid" se non "con Covid". É dicir, éntrase nunha unidade de hospitalización por outra enfermidade e diagnostícase á vez o contaxio coas probas protocolarias nos centros sanitarios.

Como exemplo, referiuse a pacientes oncolóxicos ou cun ictus, mais tamén aludiu ás áreas de trauma, con pacientes que sofren un accidente de tráfico e que resultan ser positivos no virus. Na súa intervención, recalcou que a Galiza fica como o territorio con menor ocupación hospitalaria de todo o Estado, á vez que vai na cabeza no proceso de vacinación e reafírmase que a Ómicron é unha variante con "máis contaxiosidade" pero menor gravidade.

Neste contexto, insistiu, o comité clínico avalou esta semana a posibilidade de reducir as corentenas "de sete a cinco días" sempre que os pacientes non teñan síntomas e "cumpran unha serie de condicións" concretadas por este órgano de persoas expertas, que non enumerou.

A "importancia" da vacina

Ante a retirada inminente prevista para esta fin de semana das restricións activadas antes de Fin de Ano, o presidente apelou á "responsabilidade individual" e tamén puxo o foco na importancia de vacinarse, un paso que animou a dar á xente que, "a maioría con boa fe", poida pensar que "é o mesmo" facelo ou non.

A modo de argumento e como xa fixeron os membros do Executivo galego noutras ocasións, esgrimiu que, dos 48 pacientes con Covid ingresados hoxe en UCI, moitos son persoas sen vacinar.

En concreto, Núñez Feixoo precisou que 42% dos pacientes críticos forman parte do 6% de galegos e galegas que non participaron do proceso de inmunización mediante a vacina. "E pode ocorrer que 100% de persoas ingresadas nunha UCI dun hospital sexan persoas non vacinadas", engadiu.